O rei emérito Juan Carlos recibiu hoxe a súa credencial de embaixador de honra do Camiño de Santiago e aproveitou o seu discurso para poñer en práctica o seu galego: "Dende o meu profundo aprecio por esta terra galega que sinto tan dentro, farei o posíbel para ser un bo embaixador e responder ao alto honor que hoxe me facedes".

Juan Carlos I, que tamén fixo parte da súa alocución en castelán, pronunciou "posíbel" -forma recoñecida pola Real Academia Galega, que tamén admite "posible"- con certo deixe portugués, idioma que manexa dende a súa infancia. En todo caso, desenvolveuse no idioma de Rosalía con notable soltura.

A decisión do rei emérito de utilizar o galego durante un acto en Santiago contrasta coa práctica habitual do presidente do Goberno, o pontevedrés, Mariano Rajoy, criticado a cotío pola oposición e as asociacións en defensa da lingua por non usar o idioma de Galicia en ningunha das súas intervencións na comunidade.

Este é a parte íntegra do discuro do rei emérito en galego:

"Ser peregrino no Camiño de Santiago é recoller saberes e transmitilos. Por isto, non en van, é chamado Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Este lugar excepcional condicionou o modo de ser de gran parte do noso continente.Por iso o Camiño de Santiago subliña o Patrimonio Cultural e espiritual que uniu e une o noso país.Benquerido Presidente, Señoras e señores,Alégrame moito este nomeamento, que tanto agradezo e que me da a oportunidade de ser altavoz do Camiño e dos seus valores. Valores que universalizan a Galicia e a España enteira.Dende o meu profundo aprecio por esta terra galega que sinto tan dentro, farei o posíbel para ser un bo embaixador e responder ao alto honor que hoxe me facedes".