Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO entrevista ao coordinador de Anova e deputado de AGE

Antón Sánchez: "As diferenzas en En Marea son insuficentes para renunciar á unidade e non tumbar ao PP"

"PSOE e BNG deberían ser máis honestos coas mareas e non facerlle o xogo a Feijóo"

Sánchez, na praza de María Pita. // C. Pardellas

Antón Sánchez é deputado de AGE e número 3 de Anova. O seu papel foi clave nas negociacións con Podemos e Esquerda Unida para darlle forma a En Marea o 20-D. Recoñece as diferenzas na alianza, pero cre que son insuficientes para "renunciar á unidade popular".

-Vai Anova rexeitar a reedición da coalición En Marea?

-Hai que agardar ao que din na consulta, pero na asamblea houbo un exercicio de xenerosidade de todos. Evidenciáronse diferenzas, pero nos discursos quedou claro que para derrotar o PP nas xerais e nas galegas hai que manter e mellorar a unidade popular.

-Cedeu só Anova ao renunciar ao partido instrumental?

-Todos cedemos. Nós queriamos unha consulta sobre a fórmula xurídica e consultar todo coas bases, pero non é suficiente como para renunciar á unidade, que é o único camiño para derrotar ao PP. Hai potencial para loitar pola primeira praza nas eleccións galegas e niso é inevitable que haxa discrepancias. Pero cedo ou tarde ten que haber cauces maiores de participación das persoas e unha estrutura máis operativa e democrática. Iso facilitará a incorporación de moita xente que ven do BNG, das mareas ou de fóra dos partidos.

-PP, PSOE e Ciudadanos manteñen o veto a que teñan grupo no Congreso. Repetir fórmula de coalición non supón asumir xa que non o lograrán nas xerais do 26-X?

-Non. Sería boa outra fórmula, pero, sendo coalición, mantemos que hai argumentos para ter grupo parlamentario. A decisión de non concedelo foi unha cacicada.

-De repetirse o veto recurrirán, como non fixeron tras o 20-D, e irán ao grupo mixto?

-Iremos vendo.

--Beiras recoñeceu erros como a ausencia das propostas para Galicia na oferta de Podemos ao PSOE, houbo falta de sintonía entre deputados e a mesa coordinadora...

-Hai que facer autocrítica, pero o balance é positivo. Era un grupo con pouca experiencia nun contexto moi difícil. Galicia ten que ter unha proposta política de formación dun goberno alternativo no Estado e unha posición propia, pero iso non significa que non deba colaborar co resto de pobos do Estado.

-Pesa menos o nacionalismo en En Marea?

-Non, hai un acordo que di que Galiza é un suxeito político soberano e En Marea é o representante dunha alternativa co centro de decisión en Galiza. Hai que trasladalo a todas as decisións. Aí xorden diferenzas.

-O BNG di agora que estudará a súa oferta de colaboración tras dicir que era unha cortina de fume...

-Sería bo, incluso tamén polo PSdeG. Queremos dialogar sobre coincidencias.

-Seríalles máis doado a vostedes entenderse cun PSdeG con Romeu á fronte ou con Leiceaga?

-Parece máis amable o discurso de Leiceaga, pero o PSdeG é algo máis do que digan deles. Ten que decantarse: se vai estar do lado dunha alternativa ao PP ou do lado do réxime. Entendo que tacticamente poida favorecerlles criticar ás mareas, mais deben ser responsables.

-Vai ser candidato á Xunta Luís Villares, Beiras, vostede...?

-Non o falamos aínda.

-Cales deben ser as medidas urxentes que debería aplicar un goberno liderado pola Marea?

-Debemos empezar polo deseño político-administrativo do país, logo de que o PP fixese fusión e media de concellos sen criterio. A comarcalización para o século XXI e as áreas metropolitanas son fundamentais, ademais de plans específicos para o sector enerxético. Niso non custa cartos plantarlle cara ao oligopolio eléctrico fomentando o autoconsumo, por exemplo.

-Como defende a súa negativa á ampliación da Zona Franca e ó mantenemento de Ence na ría, decisións que poderían xerar máis paro?

-Ence destrúe máis emprego do que crea. Un goberno debería ter unha alternativa e a nosa, creo, xeraría máis emprego de calidade que a súa permanencia na ría, que condiciona a zona e o modelo forestal galego. No caso de Citroën, dixemos que o problema foi creado polo PSOE, que tratou de facer escapismo. O PP tentou logo colar na Lei do Solo unha medida para todo o urbanismo do país, non só para Citroën. O que fixeron ao final foi mellor grazas a AGE, incluíndo a participación pública de 20 días e que se fixese unha avaliación de impacto ambiental.

-Logo dun ano, que gran cambio aplicaron as mareas urbanas no día a día dos seus veciños?

-É unha revolución que haxa persoas honradas nas institucións. Antes non ocurría. Están sentando as bases da participación directa dos veciños, limitan os privilexios das empresas, aplican medidas austeras e priorizan o gasto social. O que non se pode pensar é que nun ano fagan o que non fixo o PP en catro.

-Sonlles leais PSdeG e BNG?

-Deberían ser moito máis honestos coas mareas e non facerlle xogo ao PP.

-As mareas municipais manteñen un pulso cos partidos por controlar a candidatura nas galegas?

-Non. É positivo que se movan, pero o proxecto debe estar conformado por partidos, mareas e cidadanía para ter unha alternativa potente no electoral, o máis sinxelo, e o día despois das eleccións.

-O máis sinxelo visto o visto?

-Tras a entrada de AGE no Parlamento vivíuse unha pequena revolución na política galega e agora estamos en condicións de ser alternativa de goberno ao PP...

-Con tres deputados menos...

-En catro anos non é doado facer estas cuestións sen roces.

-Como definiría a Feijóo?

-É un bluf, un baleiro, unha persoa sen moral nin escrúpulos.

Compartir el artículo

stats