Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entrevista co exvicepresidente da Xunta e ex portavoz nacional do BNG

Anxo Quintana: "Sería terrible que Galicia tentase copiar os modelos de Escocia ou Cataluña"

"Agora hai moita xente que non fala galego e síntese totalmente identificada co país", afirma

Anxo Quintana. // Víctor Echave

Explica que non é un regreso á política, porque nunca á abandonou. O exvicepresidente da Xunta Anxo Quintana volve ao foco mediático despois de ofrecer varias conferencias nos últimos días. Esta semana estivo na Fundación Paideia, onde manifestou que mantén as súas ideas, valores e compromisos co país. "Estiven calado durante un tempo, pero non xordo nin cego. Penso que agora chegou o momento de falar", apunta.

-Por que decidiu volver falar?

-Hai unha situación de emerxencia que me esixe facelo. Pero eu manteño a política que fixen a maior parte da miña vida, que é a política de base, coa xente e na rúa.

-Segue a militar no BNG.

-Pero non participo na vida orgánica nin institucional. Ocupar un cargo público ou ir nunha lista electoral é unha parte moi pequena da política. A miña prioridade é traballar para que en Galicia exista unha revolta cidadá que nos permita vivir e decidir como galegos. Iso é necesario, e aí estarei en primeira liña aportando todo o que poida.

-Cales son as súas principais preocupacións?

-Os galegos vivimos peor que hai cinco anos. É pola crise, pero o problema é que Galicia ten recursos propios para poder enfrontarse a crise e non lle deixan utilizalos. Galicia non existe como suxeito político. Está desaparecida da política estatal. Imos claramente cara un Estado asimétrico, porque os conflitos de Cataluña e Euskadi acabarán resolvéndose por esa vía. Galicia vai perder unha grandísima oportunidade, e isto cómpre enfrontalo dende unha revolta cidadá, pacífica e de responsabilidade.

-Hai 25 anos logrouno xunto aos seus compañeiros en Allariz, veo posible a nivel galego?

-Eu aspiro a que en Galicia, algún día, haxa o nivel de servizos, benestar, amor polo propio e respecto institucional que existe en Allariz. Pero cando falo de revolta cidadá, refírome a un movemento pacífico que faga que Galicia conte a nivel estatal. Non é extrapolable o que pasou en Allariz, pero é un bo referente para saber o que os cidadáns poden facer se queren. En Galicia, a revolta non a fixo o BNG nin os partidos políticos, senón a xente.

-Pero a historia contemporánea non se entende sen os partidos como canalizadores desas demandas.

-E así debe seguir. Os partidos son o ente de representación xenuína dos cidadáns, son imprescindibles. Pero as reivindicacións deben ter masa crítica disposta a pelexar por esas reivindicacións.

-Ve posible a reconciliación do nacionalismo?

-Non o sei. É unha situación que non gusta, pero non creo que sexa unha situación que imposibilite nada. Dende logo que non son o pacificador do nacionalismo. Non teño ningunha intención de intervir nun asunto no que ninguén me chamou. Existen varios partidos porque a xente decidiuno así libremente.

-O último en xurdir é Cerna, escindido de Anova, e xa anunciou a súa decisión de se inserir na Marea Atlántica. Que lle parecen estas plataformas cidadás?

-Francamente me perdo, sería ousado posicionarme sobre algo que descoñezo. A actividade municipal ten interese de verdade cando está ao servizo dun proxecto nacional. Paréceme ben que a xente busque o mellor para o seu concello, pero hai catro anos había candidaturas en clave de país para todos os concellos. Espero que non vaiamos cara atrás.

-O Bloque incluirá a denominación "Asambleas Abertas" nas próximas eleccións. Parécelle unha fórmula adecuada?

-Respecto moito as decisións do meu partido porque están tomadas por unha dirección democraticamente elixida, pero descoñezo as razóns últimas porque non participo na vida interna do BNG. Tecer alianzas sempre é positivo.

-O portavoz nacional, Xavier Vence, anunciou que haberá unha presenza significativa de independentes nesas listas.

-E me parece estupendo. Pero non é a miña ilusión facer valoracións da vida interna da miña organización.

-Cre que servirá para frear a perda de apoios dos votantes?

-É evidente que algo fixemos mal, e eu inclúome. Pero temos que aprender dos nosos erros. Pretendo trasladar a miña experiencia para que outros non os cometan no futuro. O galeguismo político, que para min é sinónimo de nacionalismo, debe derrubar fronteiras sen limitarnos. Antes o vector idioma era moi definitorio, agora hai moita xente en Galicia que, aínda que non fale galego, síntese totalmente identificada co país.

-O debate pola soberanía está asentado en Euskadi e Cataluña. Onde queda Galicia no proceso?

-O que non pode facer Galicia, e sería unha terrible decisión, é intentar copiar os modelos seguidos en Cataluña, Euskadi, Escocia ou Quebec. Somos outro país que non ten nada que ver con eles. O que si é certo, é que Galicia precisa máis o autogoberno que Euskadi e Cataluña. A nosa economía é moi específica. Se non a defendemos nós, ninguén o fará. O que para nós é esencial e estratéxico en Galicia, para España é totalmente superfluo e secundario. A Galicia non lle irán mellor as cousas se en España goberna a esquerda ou a dereita. Nos irá mellor se os galegos, por nós mesmos, somos capaces de decidir sobre os nosos propios recursos.

-Insiste en romper a dinámica esquerda-dereita.

-Dende aí non se explican os problemas de Galicia. Hai que buscar solucións dende a perspectiva nacional.

Compartir el artículo

stats