Imaxina como mudaría unha película sen a súa banda sonora? A música acompañou sempre os filmes, xa desde que na etapa do cinema mudo un pianista marcaba o ritmo da acción tocando en directo. O traballo dos compositores da banda sonora orixinal é unha peza fundamental da creación cinematográfica, aínda que poucas veces os seus nomes se tornan tan coñecidos como os de directores ou actores. E en Galicia hai varios músicos dedicados, aínda que non en exclusiva, a esta tarefa.

Xavier Font, Philip Glass e Arturo Vaquero gañaron o XI premio Mestre Mateo á música orixinal por O Apóstolo. E Vaquero é, ademais dun moi coñecido produtor, un dos compositores galegos que máis traballaron en bandas sonoras. "Sempre compuxen, xa desde que na primeira comunión me regalaron un órgano. Comecei, no cinema, poñendo música a documentais. Durante un tempo estiven máis orientado á música electrónica, con Humanoid. Cando deixei este grupo necesitaba seguir compoñendo, e como a miña música sempre fora moi cinematográfica, volvín a iso", lembra.

"Moita xente pensa que calquera músico pode compoñer bandas sonoras, e non é certo. Tes que ter unha disciplina de composición moi rápida e coñecer os códigos cinematográficos: as ferramentas para crear tensión sen estragar os diálogos, por exemplo. Normalmente tes un mes para facer uns setenta minutos de música, e aquí non é como en Estados Unidos, onde hai un equipo para facer a banda sonora que ten para el unha parte importante do orzamento da película. Aquí fas ti todo, e con moi pouco diñeiro", salienta Vaquero.

Con el amósase de acordo Nani García, -De Profundis, Arrugas, O neno de barro ou De Profundis, Arrugas, O neno de barroO xigante, que lle puxo música á primeira serie da TVG, Os outros feirantes. "A partir diso viñeron moitos proxectos, primeiro na televisión e despois no cine. O que pasa é que o sector audiovisual está agora moi mal", comenta. Tamén produtor, intérprete e arranxista, García subliña o "eclécticos" que deben ser os compositores de cinema. "Tes que ter recursos de orquestración, estilo...., aínda que ao final toda a túa música leva a túa impronta. A cuestión é que, agás uns poucos directores que teñen moito interese na música, a maioría deixan a banda sonora para o final. Entón tes que traballar a présa, case enchendo ocos máis que facendo música", sinala.

Outro dos veteranos galegos da música para cinema é Arturo Kress -premio Mestre Mateo por O soño dunha noite de San Xoán-. "Agora estou traballando en Rascayú de Otiiplanet e Todos os Santos de Ángel de la Cruz. Pero co que tiven máis éxito foi con O bosque animado, nominada pola Academia da Música como Mellor Álbum de B.S.O. e galardoada con dous Goya: Mellor Película de Animación e Mellor Canción Orixinal, composta por Luz Casal, con quen colaborei nese proxecto. A tendencia a incluír cancións, como neste caso, ademais do score ou música que acompaña as secuencias, axuda a facer a banda sonora máis visible para o espectador", asegura.

Signos de avance, neste aspecto, detéctaos tamén Sergio Moure -Cargo, Retornos, Secuestrados, Lobos de Arga, Todo é silencio ou Somos xente honrada e Cargo, Retornos, Secuestrados, Lobos de Arga, Todo é silencioSomos xente honradaInconscientes. "Gústame traballar na música desde o principio, ir ás rodaxes... E agora hai unha xeración de directores españois que seguen máis a tradición anglosaxona que a europea, no sentido de que valoran moito a música, e xa non a deixan para o final. Certo que en España a porcentaxe do orzamento da película que vai para a música é dun 0,5 ou 0,6, fronte ao 5, o 6 ou o 7 por cento de Estados Unidos. Eu vivín en Madrid e Barcelona, fixen contactos e así podo traballar agora desde A Coruña. E traballamos nun equipo de catro ou cinco persoas", apunta.

Artistas polifacéticos

Compoñer para outros países é unha das posibles saídas dos creadores galegos. É o caso de Sergio Pena, que musicou o ano pasado Barmy de Russell BaileyBarmy . "Fun nominado aos Hollywood Music in Media Awards por Caderno de bitácora. Alí coñecín en persoa a Russell, e pregunteille por que escollera a miña proposta para Barmy. Díxome que era a mellor de todas as que lle chegaran", recorda. Internet facilita o traballo a distancia. Pena accedeu así ao mercado anglosaxón, no que participou noutros proxectos como Not my cup of tea ou Wrong Turn. Aínda que tamén traballa con produtores galegos e españois, como Alber Ponte.

Combinar o teatro co cinema é outra opción. E nisto destacan Manuel Riveiro ou Piti Sanz, galardoado varias veces nos María Casares e nos Mestre Mateo, -polo seu traballo en A noite que deixou de chover, O Nordés, 18 comidas e A noite que deixou de choverO Nordés 18 comidasEntre bateas. Sanz é un bo exemplo de artista prolífico, como Xacobe Martínez, que tamén fai cousas para teatro. A moi precaria situación actual do audiovisual galego aguilloa tamén a diversificación das carreiras destes músicos. Mais a listaxe de compositores para este sector podería ser moito máis longa: de Mig Seoane ou Zeltia Montes a grupos como Berrogüeto, que acaba de presentar a banda sonora de Inevitable de Jorge Algora.