Manuel González, candidato a presidir a Real Academia Galega (RAG), asegura que se a súa lista resulta a máis votada nas eleccións do vindeiro sábado apostará por continuar na liña de traballo xa iniciada pola anterior directiva, con Méndez Ferrín ao frente. "A RAG non ten nada polo que avergonzarse no seu pasado próximo", argumentou González onte, na presentación do seu programa na Coruña, onde estivo apoiado por académicos como Xosé Luis Axeitos, Manuel Rivas ou Xosé Ramón Barreiro, expresidente da entidade.

"Dende a presidencia de García Sabell ata hoxe a Academia converteuse nun referente nuclear na cultura e sociedade galega. Algúns cren que é necesario un cambio de rumbo, pero eu defendo a continuidade. A RAG non necesita unha rexeneración, nin volver a nacer, nin restablecer algo que dexenerou", resaltou González, quen recoñece que iso non significa que non sexan necesarios "certos cambios".

Malia que o anterior presidente abandonou a Academia entre polémica, González defende o seu labor. "Nestas semanas deuse unha imaxe da RAG que en nada corresponde ca realidade. Houbo moita demagoxia baseada en medias verdades", indicou, antes de poñer exemplos concretos. "Criticouse que o presidente fose en Audi. É un coche cedido pola Xunta para uso da Academia e co que se aforran uns 12.000 euros ao ano en traslados", resaltou. Tamén falou da súa aposta á hora de contratar a empregados na RAG. "Non houbo neopotismo, pero é certo que as contratacións nunha se sacaron a concurso público, igual a sociedade comeza a esixilo e eu estou de acordo", suliñou, á vez que lembrou que os membros da directiva da Academia "non cobran ningún salario".

A cinco días das eleccións, González admite que aínda está aberto a negociar co outro candidato, Xesús Alonso Montero, para presentar unha única lista. "Desde o princio estiven disposto a chegar a un acordo para a candidatura, a negociar todo, ata a presidencia, pero non houbo ningunha chamada polo outro lado", indicou, e engadiu: "A semana pasada convoquei nunha reunión a todos os candidatos para falar do futuro da RAG e de quen debería presentarse e non resultou".

González opta á presidencia xunto a Francisco Fernández Rei -vicesecretario da anterior directiva- e Xosé Luis Regueira. "Ata o último día non pecharei a candidatura, pero non estou optimista co acordo", recoñeceu, González, que di que se presentou porque contaba co apoio da maioría de académicos -"algo co que xa non conto na actualidade"- aposta no seu programa pola independencia e a transparencia da entidade.

Un dos principais obxetivos da candidatura de Manuel González é garantir a independencia da RAG "con respecto tanto dos poderes públicos coma doutras institucións culturais". "A Academia debe facer unha programación anual segundo as necesidades lingüísticas e culturais de Galicia, pero non condicionada por presións externas", resaltou. Para acadalo, alegou, é preciso unha financiación axeitada. O candidato a substituír a Ferrín ve insuficiente a partida que a Xunta destina á entidade frente a outras semellantes no Estado, que "ademais", "parten sempre dunha cantidade mínima que está garantizada" mentres "a RAG ten que negociar todos os anos ca Xunta", o que "dificulta a organización".

Trala polémica saída da Academia de Ferrín, González tenta apostar por unha trasparencia "total" na xestión da entidade. Calquer membro do plenario poderá consultar as contas da entidade cando queira e os académicos recibirán a comezos de ano un calendario cos plenarios "para que poidan cadrar as axendas e asistir o maior número posible" xa que "ningunha decisión importante" se tomará "sen pasar polo plenario".

Asemade, lembrou que a Academia seguirá loitando contra o Decreto do plurilingüismo recorrendo nas instancias ás que faga falla, mesmo Europa, a non ser que se acade un consenso e se "reinicie o camiño dunha protección real da lingua galega".