O catedrático emérito Xesús Alonso Montero agarda nun café de Vigo onde almorza cada mañá, le xornais e debate sobre literatura e ás veces tamén sobre o Barça, que entra dentro das "belas artes", ironiza. Durante a conversa amosa un callo de escribir cartas a man. "Son o último de Filipinas", sorrí o Doutor Honoris Causa pola UNED. Alumno de Dámaso Alonso, entre outros, e premio de fin de carreira aló polos anos cincuenta en Madrid, o ensaísta galego postúlase á presidir a Real Academia Galega (RAG).

- Dixo que se presenta porque hai un grupo de académicos que llo solicitaron. Chegado este momento, pode revelar quen son?

-Tras a dimisión do presidente Xosé Luís Méndez Ferrín, hai académicos que acoden a min, primeiro porque son o máis vello (risas) e logo, como académico electo, o máis antigo. Creo que me escollen como veterano das letras galegas. Aínda así, unha das persoas que se entrevistou comigo e logo de falarmos aproximadamente dúas horas, marchou convencido de que non ía aceptar e eu tamén, aínda que quedei en pensalo.

-Por que non quería aceptar?

-Paso por ser marxista. - débome moito máis ao ben público que ao privado. Agora, se teño que adicarlle catro anos á Academia... Teño catro libros case finalizados e quero retocar ou publicar eses textos. Pero por enriba diso, se ese equipo mo pide, eu debo de cumprir.

-Quen foi ese equipo?

-Está, como xa é sabido, a experta en gramática Rosario Álvarez, que estará no equipo directivo. Non está definido o seu posto, pero estará o teólogo Torres Queiruga e tamén dúas das catro persoas que asinaron a proposta: o latinista Xesús Ferro Ruibal e a profesora de Comunicación Margarita Ledo Andión. Non hai que ocultar aos demais. Nese grupo de persoas que falan para convencerme están Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega(CCG) e Víctor Freixanes, director de Galaxia. Tamén Henrique Monteagudo, secretario do CCG.

-Sabe que o consideran o candidato do "neopiñeirismo"?

-O candidato do neopiñeirismo! (silencio). A acusación non é deshonrosa; ao contrario. Na anterior directiva había persoas relevantes que desde sempre teñen unha polémica con Ramón Piñeiro polo que fixo e non fixo pola cultura galega. Eu tamén deixei de falarlle nunha ocasión máis de dez anos. Fixen un libro sobre el e apliqueille a expresión "diamante moral". Estivo na cadea, de 1946 ao 49. Tiña defectos, pero o piñeirismo é un posibilismo. El fíxoa única troika lexítima, cando fundou a editorial Galaxia xunto con Del Riego e Xaime Illa Couto. Eles, que procedían do partido galeguista e estiveran na actividade clandestina... Freixanes é o director da editorial dos "piñeiristas" agora e eu, que son comunista, son piñeirista a pesar de que eles foran anticomunistas. Penso que antes da ideoloxía, Piñeiro foi un home que entregou a súa vida á causa. Non creo que Manuel González sexa antipiñeirista.

-Por primeira vez concorrerán dúas listas á presidencia. Se a que encabeza gaña as eleccións, cal será a primeira medida que tome para integrar a todos?

-Para integrar, xa non, se iso non se produce antes da votación. Nós temos dúas vacantes para que eles (a outra candidatura) nos propoñan nomes.Pero non aceptaríamos a todos. Porque esa outra candidatura (a de González, con Francisco Fernández Rei e Xosé Luis Regueira) é continuísta. Non esquezamos o que dixeron algúns medios de comunicación, que falaron de certas irregularidades na política de contratación estando eles na directiva. - dúas das persoas que estaban na directiva queren continuar....

-Quere dicir que non estaría disposto a ofrecer unha lista de consenso con persoas da anterior directiva?

-Eu iso non o vou dicir agora, porque esto é unha directiva colexiada. Pero teño que dicir que non todos somos iguais.

-Manterán a postura contra ao Decreto do galego da Xunta?

-O que fixo a Academia vai ir adiante. Imos manter esa postura.

-Van seguir loitando por una financiación regular nos orzamentos da Xunta para a RAG?

-Hai que dicir na honra da anterior directiva, que se toparon coa Xunta que está inmersa nunha política económica determinada. - o equipo traballou ben. Pode que Feijóo non tivera unhas excesivas simpatías por algúns membros da directiva, pero é o presidente dunha institución do país, non membro dunha ou outra ideoloxía e debe de apoiar coas arcas públicas de Galicia. Esta institución é un instrumento na vida pública, cultural e lingüística do país da que non debe prescindir ningún goberno. Presida un de esquerdas ou dereitas, nacionalista ou non, porque entre os cinco académicos hai de todo; nós non somos un partido político, estamos ao servizo da lingua. Ferrín e o seu equipo fixeron case milagres e case diría tamén que Feijóo e Xesús Vázquez fixeron esforzos. Saia eu ou Manuel Vázquez, agardo que a actitude sexa respectuosa, cortés pero firme ante a Xunta. - teño case a evidencia de que a Xunta vai ser consciente do que é a Academia, presida quen a presida.

-É ese o feito que máis valora do mandato que presidiu Ferrín?

-Valóroo. Tamén hai un home nesa directiva que se chama Xosé Luís Axeitos e que traballou arreo, en actos, exposicións, traballos... Penso que non ía durmir á casa polas noites. Creo que todo o que fixeron está moi ben pero logo non deron as explicacións debidas sobre a política de emprego, algúns lapsos ós que nós tamén eramos alleos.

-Quen cre que expandiu ese ruxe ruxe, traballadores ou un sector dos académicos?

-Eu son un analfabeto do mundo dixital no que vivo. Pero a min dixéronme que esa información andaban polas redes sociais.