Coa chegada de Domínguez, o Arcebispado buscaba profesionalizar a xestión da catedral. "Os que levaban estes temas eran sacerdotes, que puñan moita vontade e entrega, pero non tiñan os coñecimentos económicos nin a experiencia axeitada para a xestión financeira e económica da basílica", di.

-De ter máis profesionalizada a xestión, terían ocorrido os roubos continuados?

-Os procedimentos anteriores estaban moi baseados na confianza e na lealtade de quen traballaba na catedral e pensábase máis en controlar que ninguén de fóra entrase a roubar ca en evitar deslealdades deste tipo. Agora fanse arqueos diarios dos donativos e cada semana ingrésanse no banco e todo o proceso está supervisado.

-Xuntar fondos para o Plan Director da catedral é unha tarefa a longo prazo...

-Por iso á hora de buscar formas de financiamento non se trata de facer acopio de diñeiro e facer obra, senón que estas se fagan de xeito continuado.

-Como convencer ás empresas e á sociedade da importancia de manter á catedral en boas condicións?

-A catedral véndese soa porque aporta á sociedade galega un valor económico, turístico e de imaxe no resto do mundo. Se non se coida e restaura, é psoible que en x anos non teñamos postal da catedral. O peso de Santiago no PIB galego é do 5% e o da catedral en Compostela, do 30, así que se pode dicir que o impacto da catedral pode ser da orde do 1,5% do PIB galego. É unha porcentaxe significativa. Falamos duns 800 millóns.

-Este ano buscan duplicar o ingreso por visitante, de 0,5 a un euro. Pensaron en cobrar entrada?

-Se a catedral de Santiago fixese o de Sevilla teriamos17,5 millóns ao ano de ingresos, pero non é o modelo que queremos. Queremos que isto sexa meta de peregrinación e sempre de acceso libre e gratuito a toda persoa que veña individualmente e queira entrar para rezar ou só mirar.

-Non temen que o de cobrarlle aos grupos lles pase factura?

-Os grupos adoitan seren cruceiristas. Case todos pasan por Santiago. Falamos cos touroperadores para explicarlles a medida, pero igual co cobro en vez de vir o cen por cen, como ata agora, baixan a un 70 ou 80 por cento.

-A súa tarefa é máis complexa porque o vindeiro Ano Santo queda aínda lonxe. Tentarán convencer ao novo Papa para que veña antes?

-Unha visita dun Papa sempre supón uns ingresos para a catedral e, sobre todo, para Santiago e Galicia. Espero que antes do Ano Santo teñamos unha vista súa.