-Pediu publicamente a Ferrín que non dimitira. Tamén no pleno da RAG.

-Cando dixo que dimitía, houbo varias intervencións no pleno. Eu xa escribira unha carta aberta pedíndolle que non o deixara. Quixen aclarar que non era bo para a Academia, nin para Méndez Ferrín que dimitira;aínda que pode haber interioridades na súa decisión que eu ignoro. Quedáballe un ano. Era bo que quedara, pero el non o entendeu así. No meu discurso dixen que eu tiña o meu dereito a discrepar tamén do que dixera el, porque non estaba de acordo co que tiña manifestado de que hai unha conspiración vencellada á dereita, que ten elementos fóra e dentro da Academia.

-Vostede non cre iso?

-Non creo, porque coñezo aos académicos desde hai moitos anos, algúns foron alumnos meus, a outros coñézoos profundamente. - as forzas exteriores creo que non existen, pero poden estar na sombra e aí eu non chego, pero os académicos que están dentro, están a favor da lingua e a cultura da Galicia. Aínda que fixeran observacións críticas, contan con todo o dereito e o prestixio para ser respectados pola sociedade galega.

-Que destacaría do anterior mandato?

-A directiva que presidía Ferrín mantivo a defensa da lingua galega. A min, se se me apoia, vou seguir adiante con esa loita. A Academia é a única institución cun poder simbólico en Galicia, que está facultada para resolver sobre certas cuestións sobre a problemática lingüística. Non está facultado o ILG ou o Consello da Cultura Galega. Se hai un preito por una palabra, o xuíz deberá de atender ao que diga a Academia sobre a norma culta do galego escrito ou oral. Esa facultade cae directa e unicamente nela.

-Que fixo ben Ferrín?

-A defensa do idioma ante imposicións, como norma de conduta do equipo directivo de Xosé Luís Méndez Ferrín.

-Seguirá a súa postura se lle corresponde tralas eleccións, contra o decreto do galego?

-Si. Seguirá. É a postura da Academia. É a postura que ten que ter a institución. Iso está claro. Aínda que haxa outras institucións que tamén fagan traballos sobre o idioma, ou estudios sobre a lingüística acaso máis relevantes, a Academia lexisla sobre o idioma. Todo o que sexa perfeccionar nese sentido, se a nosa candidatura se sae adiante, seguirá a liña de Barreiro e Ferrín.

-O académico Franco Grande vaticinaba a fusión desas institucións das que fala.

-Franco Grande fixo unas declaracións a posteriori, pero penso que non se entenderon moi ben no seu sentido. Eu entendín que falaba de coordinación entre institucións , pero fusión non...

-Que quere dicir integración?

-Por exemplo, estamos no ano de Rosalía de Castro e para algunhas edicións é importante difundilo e publicalo, defendelo ben. Se a xente quere ter un facsímile e hai una institución que quere publicar un, hai que ter coordinación para non andar con estúpidas duplicidades que despilfarran, tanto intelectual como economicamente. A iso se chama coordinación.

-Amosa a súa postura contraria á fusión na Academia.

-Calquera fusión sería una perda de personalidade. Fálase da coordinación para evitar duplicidades, pero ese perigo non vai a existir se o equipo que eu presido chega á bo porto.