Historias dos Grimm

Algúns dos relatos que plasmaron foron creados en clave simbólica na noite dos tempos

15.03.2013 | 20:55
Historias dos Grimm
Historias dos Grimm

Cando a escolarización non era nin sequera unha fantasía, a formación dos nenos precisaba de dúas ferramentas fundamentais que eran transmitidas xeración tras xeración: os contos e mais os trabalinguas. Cos segundos, os pequenos aprendían a pronunciar correctamente as palabras, xa que logo, polo que fai aos grupos consonánticos; cos primeiros, aprendían hábitos e comportamentos.

Entre as historias que se lles contaban aos nenos arredor da lareira, ou antes que comezasen a durmir, temos as fábulas e os contos. As primeiras –xa coñecidas nomundo grecolatino– adoitan estar protagonizadas por animais que representan os diversos comportamentos humanos (lembremos, actualizados na recente cultura europea por La Fontaine e, entre nós, por Samaniego,"o corvo do queixo","a raposa que non chegaba ás uvas","os coellos que discuten a clase dos cans que os perseguen", e tantos outros). Os contos, pola contra, poden ter como protagonistas a animais ou persoas, pero sen representar arquetipos.

Unha das fontes de inspiración do Romantismo foi o folclore. Historias dun pasado antigo e rural foron transferidas ás cidades grazas á escrita dun autor culto e da imprenta. Iso fixeron os irmáns alemáns Jacob (1785–1863) e Wilhelm (1786–1859) Grimm, cando hai douscentos anos tiraron do prelo os seus Contos de nenos e do lar. Tendo en conta o público destinatario, puíron algunhas arestas saídas da matriz folclórica que farían inviable a lectura dos contos.

Doutra banda, algunhas das historias foron creadas en clave simbólica na noite dos tempos e foron reproducidas polos contistas sen descodificar, polo cal arrastraron uns elementos que só foron interpretados anos despois en clave freudiana ou antropolóxica. Así, a lembranza das grandes fames medievais está presente no conto de Hansen e Gretel, sen esquecer a inxustiza social, de facermos unha lectura marxista ou un aviso para os que empregaban cebo (a casa comestible) para enganar nenos: unha crueldade tamén presente nun conto que non tivo posterior éxito, o da Rapaza Sen Mans. E outro relato que tampouco tivo continuidade foi Rapunzel, a rapaza que despois de ser raptada por unha meiga, empresta os seus cabelos para que un príncipe acceda á torre, de quen queda embarazada.

Os Grimm tamén popularizaron outras historias, como a de Brancaneves (cuxa nai era verdadeiramente a mala) e os ananos, que poderían representar pequenos espíritos da terra, se ben houbo quen considerou que poderían reflectir a existencia de mineiros de baixa estatura que traballaban no sur do Tirol no século XVIII.

Se imos á Bela Dormente, a espera despois da perda dunha pinga de sangue representaría, segundo algún analista, o tempo que tería que pasar até acadar a sazón para as relacións sexuais. O Xastre Valente é un conto baseado nun malentendido, cando o protagonista se gaba de"matar sete dunha lapada" en referencia a unhas moscas.

Entre os contos adaptados de Perrault, temos a Cinsenta (a quen lle trocaron o zapato de cristal por unha zapatilla de coiro) e mais a Carapuchiña Vermella, cunha versión menos gore que na do contista francés, que facía que a nena comese a avoa co lobo, que finalmente a devoraba; os Grimm impuxeron un final máis moralizante coa aparición do cazador.

En calquera caso, era un aviso contra pederastas e violadores. Segundo a profesora Isabel Hernández, a fonte dos irmáns Grimm non estarían no ámbito rural senón que se trataría de mulleres da cidade de Kassel, moitas delas burguesas de orixe hugonote que coñecerían os contos de Charles Perrault. En calquera caso, unhas historias ben distantes verbo das versións light que despois ofreceu Walt Disney

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


Enlaces recomendados: Premios Cine