Crise na máxima institución da lingua e da cultura galegas

´Sempre se pode cambiar de opinión´, di un Ferrín irónico sobre a súa marcha

"Quizáis, ou en inglés, 'maybe'", resposta sobre si reconsidera a dimisión - Evita aclarar se o ingreso de Xosé Fernández Ferreiro é o seu último acto público como presidente

10.03.2013 | 00:00
Ferreiro, en primeiro plano con académicos, entre eles Freixanes e Villares. // V. Echave
Ferreiro, en primeiro plano con académicos, entre eles Freixanes e Villares. // V. Echave

"Sempre se pode cambiar de opinión", así respondía o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín, ao ser preguntado sobre a posibilidade de que reconsidere a súa dimisión, tras denunciar unha campaña de acoso dende dentro e dende fóra da Academia. Foi ao remate do acto celebrado onte na sede da insrtitución con motivo do ingreso como membro numerario do escritor e xornalista Xosé Fernández Ferreiro. Foron moitos os académicos e escritores que nas últimas xornadas lle mostraron o seu apoio ao presidente da RAG, que ao ser cuestionado sobre si estas mostras de afecto farían que se replantexase o seu futuro ao fronte de Academia limitouse a ironizar cun "Quizáis ou... como se dí en inglés... maybe, estamos nun país plurilingüe non?".

Méndez Ferrín, que rexeitou aclarar si a de onte foi a súa última celebración como presidente da institución, si asegurou que sería "un día e un acto dificilmente esquecible", xa que "hoxe entra un amigo", referíndose ao ingreso como académico na RAG de Xosé Fernández Ferreiro. Durante o acto varios dos membros da academia achegáronse ao presidente para mostrarlle unha vez máis o seu apoio e pedirlle que continúe ao fronte da Academia, verbas que Ferrín escoitou atentamente pero que evitou contestar.

O escritor e tamén membro da RAG Manuel Rivas expresou onte a súa confianza en que o actual presidente da institución "reconsidere a súa dimisión" xa que sen el a Academia "non sería o mesmo". Ademais defendeu a súa "actividade ao fronte" do ente durante os últimos tres anos. "O fundamental e que exista a vontade de que a Academia sexa o que debe ser, a institución de referencia en defensa da lingua de Galicia e que sexa coñecida por ese traballo, e estes anos fíxose así", asegurou o escritor de O Lapis do Carpinteiro, quen puxo como exemplo "a valente postura de presentar un recurso contra o decreto do plurilingüismo da Xunta". Seguindo a liña de defensa do presidente da Academia, Rivas destacou o "extraordinario valor" que ten o feito de que el presida unha institución como a RAG. "É o mellor escritor vivo", salientou.

Así mesmo reiterou que tomará a palabra no próximo pleno para solicitar ao presidente que "reconsidere" a súa decisión. É nesta sesión, que se celebrará o próximo mércores dia 13, na que o até o de agora presidente da Academia comunicará a súa decisión de abandonar ou non o órgano. Rivas anunciaba onte que confía en que aínda sexa posible "capear o temporal" e espera que esta crise sirva "para dar un paso adiante e non un paso atrás".

"Discusión de criterio"

Pola súa parte, o membro da academia e director da editorial Galaxia, Víctor Freixanes, incidiu no feito de que "nin a academia nin os académicos pediron a dimisión de Ferrín" polo que "depende de el si o fai ou non". Ao preguntarlle sobre a posibilidade de que existan presións internas e externas sobre o actual presidente, Freixanes explicou que "o que houbo foi unha discusión de criterio sobre determinadas políticas de comunicación, xa que algúns cremos que hai que explicar máis as cousas" insistiu o académico.

O novo membro da Academia, Xosé Fernández Ferreiro, compañeiro de Ferrín no grupo Brais Pinto dende a década dos sesenta, manifestou na véspera do seu ingreso que considera "un horror" o feito de que Ferrín deixe a presidencia da Real Academia Galega, pero "dáme a impresión de que vai dimitir"."Ferrín díxome varias veces, dunha maneira definitiva, que non podía quedar nin dunha maneira nin doutra. Nin como presidente ni como académico numerario, porque lle ían facer a vida imposible" revelaba antonte Fernández Ferreiro, en declaracións a este diario.

A Fundación Curros Enríquez sumouse onte á petición de continuidade do actual presidente da RAG, a fin de "consolidar a creación da Asociación Protectora e de Amigos da Real Academia Galega", e deixou claro que "apoiará calqueira das posibles decisións" que tome Ferrín.

Á marxe da polémica interna que vive estes días a institución, o ingreso do escritor e xornalista, Xosé Fernández Ferreiro, como membro numerario da Academia desenvolveuse con solemnidade.

O plenario da RAG decidira nomear académico electo a Fernández Ferreiro co fin de ocupar a vacante que deixara o pasamento de Francisco Fernández del Riego, un feito que Ferreiro agradeceu dobremente. "É un gran honor ser recibido como membro numerario e ocupar a cadeira de Fernández del Riego e unha circunstancia que me aleda profundamente", expresou Fernández Ferreiro. "O meu agradecemento ten que ser dobre porque dobre considero esta honra", salientou o escritor.

Escritor e xornalista

O novo académico titulou o seu discurso de ingreso na institución Breves reflexións sobre os escritores e xornalistas, no que tratou as difusas fronteiras entre a literatura e o xornalismo. "O xornalista non se fai nas escolas nin nas facultades. Onde se aprende a ser xornalista é alí onde se fan os xornais, no mundo frenético dun medio de comunicación", expresou Fernández Ferreiro. "Escribir unha novela é outra cousa, non só hai que saber escribir, mellor ou peor. Cómpre ter algún talento e iso non se aprende. O talento nace", engadiu o escritor, quen non dubidou en proclamar a vixencia da novela como xénero literario pese ás continuas voces que predestinan o seu final: "Mentres haxa homes e mulleres, vida, amor e odio, haberá novelas".

A Real Academia Galega xustificou a elección de Xosé Fernández Ferreiro por tratarse dun "escritor tradicional, enigmático, pouco amigo da primeira liña, e sabedor de que o escritor permanece polas súas páxinas, pola súa obra e pola calidade da súa pluma".

O escritor Manuel Rivas foi o encargado de responderlle en nome da institución, que afirmou que o ingreso de Fernández Ferreiro converteu a xornada de onte nun "día grande para a Academia, para as Letras galegas, para a literatura e para o xornalismo". "Hai a mellor literatura nas crónicas de Fernández Ferreiro, máis tamén hai o mellor xornalismo na súa obra narrativa", declarou o escritor. Para Rivas, ademais, un dos desafíos que mellor resolveu o novo académico foi "o de dinamitar a fronteira entre a chamada alta e baixa cultura, entre os asuntos da literatura culta e a popular".

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


Enlaces recomendados: Premios Cine