O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, reiterou que "funcionarios e técnicos" do seu departamento visitarán este martes o domicilio do líder do PSdeG, Manuel 'Pachi' Vázquez, "en virtude dun expediente de reposición da legalidade urbanística" aberto. Ademais, afirmou que esta comparecencia foi notificada tanto aos propietarios da vivenda coma ao seu "representante legal".

Así o indicou, preguntado ao respecto nunha rolda de prensa na que evitou adiantar qué procedemento se seguirá en caso de que o dirixente socialista impida a entrada aos técnicos na súa casa. "En función do que aconteza mañá, os técnicos e os funcionarios actuarán como corresponde a estes casos", resolveu o titular de Medio Ambiente.

En canto ao persoal destinado, adscrito á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo na provincia de Ourense, este martes "cumprirá coa súa obriga" ao visitar o domicilio do xefe de filas do PSdeG en Santo Amaro. "Está a cumprir un procedemento polo que mañá está prevista a comparecencia nesa vivenda e non teño nada máis que engadir", resolveu.

Finalmente, Hernández reiterou que o procedemento aberto "ten feita unha convocatoria os propietarios e o seu representante legal" para que os técnicos comproben o alcance das obras realizadas. "Esa é a información que teño, que está comunicada ao propietario e o seu avogado", concluíu.

O pasado sábado, o conselleiro recordou que, de acordo co expediente aberto, os técnicos de urbanismo "compareceron na propiedade" de Pachi Vázquez o pasado día 7 de febreiro, tras "comunicalo ao representante legar deste a visita", aínda que "ninguén atendeu a visita".