A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos de Galicia (CESM) enviou unha carta ao secretario xeral do PSdeG, Manuel 'Pachi' Vázquez, para indicarlle que é unha "falacia inadmisible" a súa acusación de que se prime aos médicos que dan altas sen facer probas complementarias pacientes.

"CESM, como sindicato médico profesional con representación en Mesa Sectorial, recibiu numerosas queixas de facultativos polas túas insidiosas afirmacións na sesión parlamentaria", sinala no inicio da carta dirixida o líder do PSdeG.

Deste modo, a central sindical sinala que as afirmacións realizadas no pleno o mércores polo socialista "ofenderon practicamente a todo o colectivo médico" e mostrou a súa indignación porque tal aseveración proveña dun profesional da sanidade.

"Utilizar á sanidade pública e aos seus profesionais para obter réditos políticos non é de recibo", subliñou CESM na misiva remitida a Vázquez.

"E menos aínda, xerar desconfianza e alarmismo sobre unha sanidade pública e uns profesionais que xa teñen, dende hai moito tempo, multitude de problemas e limitacións que se foron paliando grazas ao sacrificio e esforzo deses profesionais que agora ti estás a poñer en entredito", recrimina CESM na carta a Vázquez.

Por todo iso, o sindicato prega ao líder dos socialistas galegos e "a todos os políticos" que cando traten o tema da sanidade o fagan "con sentido construtivo" e "buscando resolver os numerosos problemas que cronicamente veñen acuciar á sanidade e os seus profesionais".