O líder do PSdeG, Pachi Vázquez, entregou hoxe ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Carlos Fernández, unha proposta de pacto antitransfuguismo, para que "a traizón e os traidores" non teñan cabida no ámbito da política municipal. O documento, segundo Vázquez, está aberto a todas aquelas modificacións que o enriquezan por parte das diferentes formacións políticas representadas nos órganos de dirección e na composición da Fegamp.

O secretario xeral do PSdeG indicou, nunha conferencia de prensa, que Galicia necesita afrontar con ética os comicios municipais previstos para dentro de "seis ou sete meses". Opinou que "non se pode permitir nin deixar pasar a oportunidade que desde a casa grande dos municipios de Galicia se tome unha resolución que obrigue todos" os partidos políticos. "Temos que dar a imaxe de que a traizón e os traidores que defraudan a confianza dos electores non teñen cabida neste proceso municipal", declarou o líder dos socialistas galegos, quen remarcou: "Non apoiar o pacto é romper o compromiso ético da vida municipal en Galicia". Sinalou que calquera partido é susceptíbel de ter un episodio de transfuguismo, polo que "todos" os partidos deberían responder cun compromiso unánime, apuntou.

Vázquez dixo que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que é tamén o líder do PPdeG, "non pode apoiar a traizón á democracia na vida municipal, é un compromiso de sentido común". O máximo dirixente do PSdeG opinou que despois da chegada de Núñez Feijóo á Xunta e dispararon espectacularmente" o número de mocións de censura "sempre na mesma dirección". Engadiu que "sempre se cambian os que se venden, ais nunca os que se compran, e o presidente dos que compran chámase Feijóo", dixo.

O presidente da Fegamp dixo recibir con interese o documento que vai tramitar decontado aos órganos de dirección, e apuntou que o día 26 de novembro o someterá á Xunta de Portavoces e o día 14 de decembro á Xunta Ordinaria. "A ética nas eleccións municipais e no comportamento das corporacións democráticas é consubstancial co noso funcionamento, e consubstancial coa defensa do propio municipalismo que moitas veces se ve afectado por estes casos de transfuguismo e polas mocións de censura que se producen nos municipios en contra da vontade do electorado", comentou. Tamén observou que as dúas mocións de censura máis recentes rexistradas nos municipios pontevedreses de Mos e Silleda son "episodios que distorsionan e defraudan o electorado e crean unha mala imaxe do municipalismo e, con certeza, da política en xeral".

A proposta do PSdeG propón aos partidos políticos que "mentres non exista unha reforma legal", se comprometan a "impedir a utilización de tránsfugas para conseguir ou manter as maiorías de goberno dunha institución pública galega". Así mesmo, convida os partidos a que "declaren incompetentes coa rexeneración democrática" a "inclusión de persoas declaradas tránsfugas nas candidaturas electorais".

Unha vez que os órganos da Fegamp dean o visto e prace ao documento e acheguen as modificacións consensuadas oportunas ao texto, o documento será remitido aos 315 municipios galegos.