A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asegurou que os presupostos do seu departamento para 2011 garanten a asistencia a 37.000 dependentes en Galicia co aumento do 3 por cento das partidas destinadas a este fin --uns 360 millóns, 8 máis que en 2010--, algo do que dubidan os grupos parlamentarios de PSdeG e BNG porque cren que "non hai diñeiro" para prestar estes servizos.

Na comisión de Economía, Facenda e Orzamentos, a responsable autonómica comprometeu a "blindaxe" das políticas sociais ao asegurar que as persoas "que están a día de hoxe introducidas" no sistema da dependencia "non terán ningún problema" en 2011" e, ademais, interpretou que o incremento do 3 por cento do apartado das contas dirixido á dependencia permitirá "incluír máis dependentes".

Ao respecto, Mato recoñeceu que, "evidentemente", as altas non se producirán "ao mesmo ritmo" que dende a chegada do PPdeG á Xunta, porque, segundo afirmou, dende marzo de 2009 o Goberno galego fixo ascender "un 164 por cento o número de dependentes atendidos" --de 14.000 durante o bipartito, a 37.000 na actualidade-- mediante a inversión de 100 millóns de euros.

"Vostede di todo o que vai facer, pero... *E o diñeiro?", preguntoulle o voceiro do grupo nacionalista, Carlos Aymerich, quen cifrou en 32.000 os galegos que se atopan "esperando" a ser admitidos como dependentes, baseándose en datos do Imserso (Instituto de Maiores e Servizos Sociais).

Pola súa parte, e en repetidas ocasións ao longo das súas intervencións, a deputada socialista Beatriz Sestayo defendeu o incremento en "case 12 millóns" da achega estatal á dependencia para 2011, fronte á caída en "case catro millóns" da da Xunta.

Por este motivo, concluíu que o Executivo autonómico "non cre na dependencia" e que as súas contas son as da "pobreza, a mentira e a fraude electoral", acusacións ás que contestou a parlamentaria do Grupo Parlamentario do PPdeG, Marta Rodríguez Arias, aseverando que "a política máis antisocial" é a do presidente do Goberno central, José Luis Rodríguez Zapatero.

Previamente, a conselleira censurara que o Executivo socialista "condena ás autonomías co recorte do 17 por cento" da súa achega á dependencia, para recalcar, con iso, "o esforzo" da Xunta neste ámbito ao financiar un 70 por cento das axudas.

Diálogo social

A presentación dos presupostos da Consellería de Traballo e Benestar en sede parlamentaria estivo marcada, así mesmo, polas discrepancias ao respecto das partidas dedicadas á creación de emprego --para a consellería, "unha prioridade"-- e a posibilidade de dar cumprimento en 2011 aos acordos do Diálogo Social asinados polo Executivo galego e os axentes sociais o pasado mes de xullo.

Así, mentres que a titular do departamento fixo fincapé en que "o diálogo e o consenso moven a acción política" da Xunta, o voceiro do BNG referiuse a un informe conxunto dos sindicatos CC.OO. e UGT no que advirten do "debilitamento" dos acordos que, ao seu xuízo, representan os presupostos de 2011. O deputado do Bloque tamén resaltou que a CIG se manifesta este mércores por esta cuestión.

Labor informativo

Recriminou a Mato, ademais, polo feito de afirmar, na súa primeira intervención, que a Axencia Galega de Servizos Sociais "será unha realidade" en 2011" e lle interrogou sobre "onde está o Instituto da Xuventude de Galicia (Inxuga), que de súpeto desaparece".

Ao respecto, a conselleira de Traballo apuntou o labor normativo que pretende desenvolver durante o próximo ano e enumerou a elaboración da Lei de xuventude --que incluirá ao Inxuga--, a de voluntariado, a de apoio familiar e á convivencia, a de inclusión e a modificación da de cooperativas.

"Coacción" a funcionarios

Por último, durante a comisión tamén foi motivo de polémica a repartición de axudas para a realización de talleres formativos en municipios galegos.

En relación con esta cuestión, Sestayo e Aymerich coincidiron en criticar o "amiguismo" por parte da Xunta coa entrega de subvencións a empresarios e concellos con alcaldes do PPdeG. Neste sentido, reprobaron que o Goberno "pretende facer negocio" e "privatizar" servizos sociais.

A maiores, Sestayo denunciou "coacción" do Goberno autonómico sobre funcionarios co propósito de que estes cambiasen os seus informes e que, deste xeito, os talleres se puidesen conceder a localidades gobernadas polos populares.

Ante isto, Beatriz Mato cuestionou "deixar no aire" estas acusacións e recomendou á parlamentaria do PSdeG levalas ante a Xustiza.