Tras los últimos acontecimientos, la posible reforma del Estatuto está de nuevo sobre la mesa. ¿Es necesaria?

- Pablo G. Mariñas. Penso que si; é unha necesidade para o país, entendendo o Estatuto como algo vivo, non como unha norma fría. E non só é precisa dende un punto de vista identitario, como gusta decirse agora, senón como ferramenta de forza política e instrumento para servir ao país; para ter mellores servizos, exercer as competencias e naturalmente tamén para situar a Galiza nunha posición de prestixio no contexto estatal, aparte da defensa dos seus propios intereses. Esa necesidade é, pois, unha evidencia.

- Ismael Rego. A reforma, na miña opinión, é, non xa necesaria, senón imprescindible. Por unha primeira razón: porque tras anos de vixencia do actual Estatuto, precisa dunha posta a punto: a reforma non ten que ser un fin en si mesmo, pero si pode ser un instrumento útil para abordar mellor, con máis eficacia, os problemas actuais. Fai falla unha posta a punto, si, no ámbito competencial mesmo para a ampliación dese capítulo. E eu creo que hai outra razón: non podemos equivocarnos, neste momento Galicia quedou atrás.

- Xesús Palmou. Penso que a necesidade da reforma do Estatuto, hoxe en día, ninguén a pode poñer en dúbida. Fai catro anos as tres forzas políticas do Parlamento constituiron unha comisión -na que estábamos Pablo e mais eu- para facela, e estaban dacordo xa naquel intre en que era necesaria. É máis: chamamos a 106 institucións, nada menos, de todos os ámbitos da sociedade galega e non houbo ningunha que considerase que o Estatuto non debería reformarse. Ese é probablemente un dato significativo.

Hai quen di que non é o momento oportuno...

- G. Mariñas. A reforma do Estatuto é un asunto que non se pode separar da situación política a nivel de Estado, que para min é moi preocupante. Creo que estamos inmersos nun proceso de involución autonómica, de recentralización. Advírtese xa dende hai algún tempo: nos primeiros momentos do Goberno Zapatero había unha posición de aceptar dende os poderes centrais unha consolidación da pluralidade do Estado, das comunidades, pero dende entón as cousas mudaron moito.

- I. Rego. Moito non se nota: varias autonomías, algunhas históricas, reformaron os seus Estatutos sen problemas. E, como dixen, Galicia, ao non ir por ese camiño, queda atrás, e eu penso que o actual presidente da Xunta, agora, dase conta de que está a sufrir as consecuencias de non ter feito a reforma, porque non é igual tela feita que non tela. ¿Para que? Pois para dispoñer de máis marxe mesmo financieiro e posibilidade de acadar novas competencias aínda que co actual Estatuto pódense transferir ou delegar outras.

- X. Palmou. É opinable, dende logo, o que se di sobre condicionamentos ou momentos de maior ou menor sensibilidade autonómica. E tamen é verdade que posiblemente a sentencia do Tribunal Constitucional sobre o Estatuto catalán, si é que algunha vez a hai, pode condicionar algúns aspectos da reforma galega; hainos por exemplo nos motivos do recurso presentado polo Defensor del Pueblo. Pero tamén é certo que porque falte o fallo non imos parar algo preciso para o país.

- G. Mariñas. Imos ver: está clara a utilización de procesos xurídicos para aquela recentralización política, mesmo o tema europeo coa trasposición das normativas da UE feitas polo Estado, a utilización das competencias transversais, o aproveitamento da crise para centralizar a economía, etcétera. E, aparte, efectivamente, a sentencia do Estatut catalán. E isto está a configurar un clima moi perigoso: incluso fálase xa en Madrid, por algúns profesores universitarios, de plantexar mesmo a derogación do Título Oitavo.

- I. Rego. Corren malos aires, é certo, pero correron sempre. Penso que na historia da democracia española sempre houbo unha tentación, especialmente nos círculos madrileños -de poder político, e mesmo gubernamental, e mediático- de ir recortando e rematando o desenvolvemento do Estado autonómico. E iso non impediu, repito, que boa parte dos Estatutos foran reformados: o catalán, o andaluz,o aragonés, o valenciano e outros, e non pasou nada. Hai recursos contra o catalán, é certo, pero iso hai que velo dende a normalidade democrática.

- X. Palmou. O Estado, institucional e políticamente, funciona. É certo que hai aspectos, e o da financiación autonómica é un deles, onde resulta necesaria e mesmo urxente esa reforma; noutras competencias tamén, aínda que eu non estou de acordo en que, no concreto caso galego, sen a reforma non se poidan transferir outras competencias. Algunhas das que se están a pedir dende aquí, e falo como galego e no meu propio nome, xa foron concedidas a outras comunidades sen que estiveran nos Estatutos antes de reformalos.

Dise que a reforma é necesaria. ¿Por que non se fixo xa?

- G. Mariñas. Non quero xuzgar intencións, se se está ou non nun Pacto de Estado PP-PSOE para deixar as cousas así, non tocar máis Estatutos en bastante tempo, pero semella que está a pasar algo diso. Penso que habería que facer canto antes a reforma, porque as cousas non van ir a mellor. Algúns están pendindo a reforma da Constitución para que colla o Estatut catalán, e a min iso pónme os pelos coma escarpias, porque se hai unha reforma constitucional agora non será favorecedora da pluralidade senón moi fortemente recentralizada, xa o dixen. E iso non alenta a esperanza de acordos.

- I. Rego. En Galicia deberíamos tomar moi boa nota do que pasou noutras autonomías. Porque aquí, na lexislatura anterior non foi posible a reforma por moi pouco: nun 95 por cento do texto estatutario, e fixémolo case novo, había acordo. Había desacordos, certo, en temas relevantes, pero a principal cuestión estaba no preámbulo, non no texto articulado. Imos ver qué pasa con iso. Había,si, outros problemas difíciles sobre idioma e as competencias, pero estivemos tan cerca que cheguei a crer que sería posible a reforma. Ese traballo está feito: sería un gravísimo erro tiralo pola borda.

- X. Palmou. Foi realmente unha mágoa que non se tivera chegado a un acordo hai catro anos. Había unha base de acordo na ponencia, pode que non tan grande como di Ismael, pero si moi amplia, e aspectos pendentes do preámbulo, que con acordo aí os outros poderían pactarse. Pero pretendíase un empeño de calado, que era outro Estatuto, e iso require acordo de todas as forzas políticas, ten que ser un Estatuto de todos: se alguén quedaba fóra a reforma nacería coxa. E ese esforzo debe manterse porque hai temas moi importantes a reformar, entre eles os financieiros, por exem plo.

E agora, ¿que?

- G. Mariñas. Non pretendo ver pantasmas. Na anterior lexislatura o PP dicía sempre que o Goberno debería tomar a iniciativa e presentar un proxecto, e iso o mantivo incluso cando a inicitiva foi do Parlamento. Ben, pois agora Núñez Feijóo está na Xunta e non somentes non presenta unha iniciativa senón que di que iso non é urxente cando efectivamente en moitos aspectos a reforma condiciona elementos claves. Iso é así, digan o que digan o PP ou o Goberno central.

- I. Rego. O que falla agora, porque a situación en Galicia cambiou -na Xunta e tamén nas direccións dos partidos da oposición- é explorar as posibilidades para acometer esa reforma.O anterior presidente dixo que debería ser cun acordo de todos, e iso condicionou seguramente o tema: en política todo é discutible. O que non sei é o que pensa o actual presidente e as direccións dos tres partidos. Estamos nun escenario político novo, e convén explorar esa situación, se sigue vixente a idea de consenso de Pérez Touriño.

- X. Palmou. Eu penso que paga a pena un novo esforzo tendo en conta que hai cousas do traballo feito que, como xa se dixo, serven, hai moitas cousas que xa estaban consensuadas. Aínda que efectivamente é certo que as direccións políticas das tres forzas son novas, e que a Xunta non é a que era na anterior lexislatura. E na miña opinión persoal, o traballo hai que facelo con independencia do que diga o Constitucional sobre o Estatut, porque xa se leva tres anos agardando o seu fallo.

¿Como hai que facela?

- G. Mariñas. Eu penso que aquí as que se están xogando non son cuestións xurídicas, nen sequera as do Tribunal Constitucional, senón políticas, e iso é moi perigoso porque imos perder, claramente, posicións, e hai que ter vontade clara para chegar a acordos. Para iso hai que falar, porque un segundo fracaso sería demoledor para Galicia. E porque a reforma, ademais, deberá ser importante, non bastará cunha reformiña.

- I. Rego. É certo, ten que ser unha reforma importante.Pero non hai que facela rápido e correndo porque alguén do Goberno do Estado, que non tiña un bo día, dixo que se queríamos algunhas transferencias hai que reformar o Estatuto; non é así. A reforma hai que facela por consenso: sería malo deixar fóra a algunha forza política, pero tamén espero que ninguén cometa o erro de vetar o Estatuto: precisa da xenerosidade de todos.

- X. Palmou. Na miña opinión personal, a reforma debe ter o máximo consenso posible, sería convinte que saíse por unanimidade. Dito iso, quero engadir que non debemos transmitir á opinión pública a idea, neste momento de crise, de que a reforma do Estatuto é a panacea, que cando se faga vaise resolver todo, porque iso non é así. Quero engadir que o que si permitirá é que Galicia faga mellor a súa política como país.