Rubia, Castaña, Cereixa, Marela, Miñota... Poñer nome a unha vaca é signo de que o gandeiro coida ben a súa cabana. Un estudo revela que se o granxeiro bautiza as súas vacas a produción de leite pode aumentar en máis de 230 litros anuais por res.

A produción das explotacións galegas supera as do resto do Estado. Tal vez o segredo sexa muxir os animais chamándolles polo nome de pila. Pero os gandeiros galegos non só buscan unha maior produción, senón tamén un leite de máis calidade. Máis e mellor. Son os dous factores que garantizan a supervivencia das explotacións gandeiras. Ese é o obxectivo polo que Manuel Barbeito, propietario dunha granxa en Santa María de Vigo, en Cambre (A Coruña), tratou de adaptar a súa explotación ao proxecto Leyma Natura. As súas vacas aliméntanse a base de silo de herba e de millo, e para obter uns niveis máis altos de Omega 3 tivo que recurrir a aceite de liño para os pensos. Aínda que comezou en xuño cos cambios na alimentación da súa cabana de 50 reses en produción, non foi até o pasado mes de setembro cando percibiu os primeiros resultados.

"A calidade do leite xa é óptima", celebra Barbeito. A recompensa é, polo de agora, un céntimo máis por litro. "É a maneira de sobrevivir. Esperamos que proxectos innovadores para o sector gandeiro coma este vaian adiante. Alternativas coma esta poden ser unha solución para o noso futuro", conclúe Manuel Barbeito.