Sra. Presidenta do Parlamento,

Sr. Vicepresidente do Goberno de España,

Autoridades e representacións,

Señoras e señores,

Nun dos seus memorables artigos, publicado no xornal El Pueblo Gallego o 27 de xuño de 1936, véspera do día no que Galicia celebrou o seu primeiro referendo do Estatuto da Autonomía, o mestre Alvaro Cunqueiro escribiu:

“No tocante ao que unha Patria pide aos seus, se é, ou non se é”.

“Eu quero ser”, tal é o senso da promesa que veño de realizar. Tal, e non outra, é a obriga que hoxe asumo, grazas a confianza democraticamente expresada polo pobo galego a través dos seus representantes na sesión de investidura que tivo lugar esta semana no Parlamento de Galicia.

Unha promesa que conleva a de comprometerme vitalmente coa tarefa da defensa da identidade de Galicia e dos seus intereses, así como a promoción da solidariedade entre todos os que integran o pobo galego, como ben establece o noso Estatuto de Autonomía no seu primeiro artigo.

Quen fai a promesa de “ser”, é un nome que pertence á xeración que abriu os seus ollos á política ao mesmo tempo que a nosa autonomía abría ás portas á esperanza dun tempo mellor.

A xeración que, ao acadar a maioría de idade, votou en liberdade nas primeiras eleccións democráticas, no referendo da Constitución española de 1978, ou no que permitiu, en decembro de 1980 aprobar o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981.

Á xeración que puido formarse coma ningunha outra na historia de Galicia e de España grazas ao esforzo doutra xeración, á dos nosos pais que padeceron a penuria da posguerra, e que traballando a reo puideron deixarnos un legado moito mellor do que eles recibiron de quen lles antecederon.

Pertenzo, en definitiva, a unha xeración que ten moitos motivos polos que estar agradecida ás xeracións que lle precederon, porque grazas a eles vivimos hoxe con normalidade actos como este, no que a democracia cobra todo o seu senso mediante a alternancia.

Un agradecemento que quero personalizar en quen me precederon na Presidencia da Xunta: en quen, desde a Pre-autonomía, impulsaron a aprobación no noso Estatuto, os Presidentes Rosón Pérez e Quiroga Suárez; como en quen contribuíron á posta en marcha das institucións de autogoberno e á súa consolidación, os Presidentes Fernández Albor; González Laxe; Fraga Iribarne e Pérez Touriño.

Eu, que tiven a honra de traballar co Presidente Fraga, sei do agarimo, adicación e esforzo que todos eles lle adicaron ao traballo máis honroso ao que galego algún pode aspirar: presidir a Xunta de Galicia.

Cada un deles tivo que afrontar os retos concretos que lles marcaron as circunstancias do seu tempo. E o fixeron coa máxima entrega e ilusión, a mesma a que nós nos comprometemos, unha vez máis, neste solemne acto.

Están claros, e así se evidenciou no Debate de Investidura, cales son os retos dos nosos tempos.

En primeiro lugar a crise económica. Temos que ser capaces de poñer todo o potencial das institucións do autogoberno, temos que ser capaces de contribuír a movilizar o potencial da nosa exemplar e creativa sociedade civil, para superar a crise económica que está a levar a moitas persoas e a moitas familias á desesperacións e ao drama do paro.

E temos que ser capaces de facelo a curto prazo, pero tamén sentando ás bases para a definitiva integración de Galicia entre as comunidades máis desenvolvidas de España; e entre os países máis prósperos de Europa. Para garantir que todos os galegos poidan desfrutar do dereito ao traballo en condicións de estabilidade e seguridade; e para garantir a viabilidade futura e a mellora do noso sistema de benestar.

En segundo lugar a igualdade e o benestar. Os galegos e as galegas demandan servicios públicos de calidade; porque sen unha sanidade, sen unha educación, sen un sistema de protección social públicos e de calidade, equiparables aos que calquera outro cidadán español poida recibir en calquera parte de España, a igualdade crébase; e moi especialmente a igualdade de oportunidades que debe fundamentar unha sociedade libre que favoreza o esforzó e a iniciativa individual.

Sabemos que, co autogoberno, somos basicamente responsables da posta en marcha de políticas que incrementen a eficacia e eficiencia dos servicios públicos autonómicos. Pero para elo precisamos tamén recursos, porque Galicia, pese aos firmes pasos dados nos últimos quince anos cara a converxencia económica, aínda non ten alcanzado á media española en renda e riqueza.

Por iso resulta tan importante para nós acadar un acordo sobre o financiamento autonómico xusto e respectuoso cos principios de igualdade interpersonal e interterritorial que a nosa Constitución garante. Un obxectivo que se cumpre cando as institucións propician as condicións e os recursos que favorecen a converxencia das rendas das persoas que habitan os distintos territorios que conforman España.

Unos principios de igualdad personal y territorial por los que sé que el actual Vicepresidente del Gobierno de la Nación, a quien le agradezco su presencia en este acto, tiene especial querencia; y estoy seguro, por su experiencia al frente de la Comunidad Autónoma Andalucía, que sabrá defender en su actual responsabilidad.

En terceiro lugar, a reforma das nosas institucións e o impulso á nosa cultura.

Afortunadamente, por vez primeira na súa historia, os galegos podemos falar da reforma do noso Estatuto de Autonomía, porque hai máis de 26 anos que exercemos o autogoberno. Podemos, respectando a Constitución que os españois e os galegos moi particularmente apoiamos de xeito moi maioritario, mellorar a nosa norma institucional básica.

Temos a obriga de conservar, protexer, e mellorar o estado do noso valiosísimo patrimonio cultural. Temos a obriga de sentar as bases para que os escritores, os deseñadores, os artistas plásticos, os cineastas, os músicos,… todos os homes e mulleres que, dun ou doutro xeito, engrandecen a nosa cultura e a proxectan ao mundo e ao futuro, podan seguir realizando o seu traballo en liberdade e con ilusión. Coa ilusión de dar continuidade a este grande segundo rexurdimento que a nosa cultura galega está a vivir nesta etapa autonómica da súa historia.

E temos a obriga de conservar e garantir a pervivencia da nosa lingua, o galego; o noso principal sinal de identificación; para que os galegos e as galegas poidan seguir usando, en liberdade, as dúas linguas españolas que nos fan máis universais: el castellano que nos une con los pueblos de la Hispanidad; e o galego, que nos achega aos pobos da lusofonía que, pola influencia da gran nación veciña e irmán, levaron o portugués por medio mundo.

A tarefa que temos por diante é, pois, apaixonante, pero inxente.

Unha tarefa inxente incluso para quen, como quen lles fala, conta co respaldo maioritario do seu pobo.

É preciso acométela xuntos. É imprescindible, para superar a crise e situar a Galicia no lugar que as súas xentes merecen, que todos saibamos arrimar o lombo, alomenos nos temas nos que compartimos un común interese. Por iso hoxe reitero a miña oferta de diálogo. De busca do pacto e do consenso entre os grupos políticos representados nesta Cámara; pero tamén cos representantes da plural sociedade civil galega.

A tarefa á que nos enfrontamos é tan inxente que só poderemos superar os restos do noso tempo se o facemos desde a cooperación. Coa cooperación leal coa Administración Xeral do Estado; coa cooperación e a participación nas institucións da Unión Europea.

Se hai un pobo, se hai unhas xentes que comprenden o senso máis profundo da idea de España e da idea de Europa ese é o pobo galego. Non en van o ideal europeo naceu e creceu ao pe do Camiño de Santiago. Non en van o vencello cosmopolita que establece o Camiño de Santiago non esmoreceu ao longo dos séculos.

Brañas, a Xeneración Nós, Vicente Risco, Castelao, Ramón Piñeiro e tantos outros galeguistas sentiron sempre o mesmo anceio. Vense arrastrados por un sentimento que abre o noso país a España, a Europa e ao mundo enteiro. É a Galicia entendida como “célula de universalidade”. É a Galicia que se sinte grande por ser parte e partícipe dunha aventura histórica común cos demais españois e, que por sentirse española, tamén se sinte europea.

É a Galicia que sabe que non vai camiñando en solitario pola historia. Porque hoxe, como sempre, sabemos que para superar as dificultades dependemos de nós, pero tamén da nosa capacidade para cooperar co goberno da nosa nación, España; e de cooperar no marco das institucións europeas. Sabemos que o noso futuro está nunha España solidaria, nunha Europa máis integrada, e nun orden mundial máis xusto.

Nesa apaixonante e dura tarefa, “eu quero ser”, como dicía Don Álvaro Cunqueiro. Porque, como expresaba coa súa fermosísima prosa o mindoniense máis universal, “con ser, sendo, estando, cumpro a primeira das miñas obrigas galegas, e sirvo a virtude de defender e amar” a Galicia, a obriga de “gardala viva” para “os que han de vir nos tempos”; porque “ben será que eles tamén a amen, defendan e garden, polo séculos dos séculos”,

Dixen