Desherdados da lingua galega

 

Un estudio recoñece que a transmisión familiar da fala está en "retroceso"

CARMEN VILLAR / SANTIAGO A transmisión familiar do galego está en "claro retroceso", segundo recoñece o Observatorio da Lingua Galega nun informe que presentou onte a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, onte en Santiago. No mesmo estudo, baseado en enquisas realizadas o ano pasado, primeiro ano de vida de funcionamento deste organismo, constátase que nas xeracións máis novas as porcentaxes de galego como lingua inicial e habitual "descenden".
Así, na franxa de idade que vai dos 15 aos 24 anos, un de cada tres mozos asegura que só emprega o castelán nas súas comunicacións, mentres que esa media baixa, en relación directa coa idade, ata chegar ao 11 por cento no caso dos cidadáns que superan os 65 anos de idade. Neste tramo da poboación, hai máis dun 41 por cento que só se expresa en galego.
Non obstante, o galego "segue sendo a lingua en que aprendeu a falar unha maior porcentaxe" da cidadanía galega e tamén é a lingua de uso habitual máis empregada nas relacións familiares, malia que o seu emprego, sinala o estudio, "vai descendendo" a medida que "diminúe a familiaridade" co interlocutor. Aínda así, ao redor dun 50 por cento dos enquisados declara falar "só galego" ou "máis galego ca castelán, se ben estas porcentaxes sumadas sobrepasan a media no caso das provincias de Lugo e Ourense, fican no 49 por cento en A Coruña e descenden a un 38,8 por cento en Pontevedra.
Respecto ás competencias lingüísticas, galego e castelán están equiparados na comprensión oral e só na fala a lingua propia da comunidade supera ao castelán. Nas outras destrezas, escritura e lectura, as porcentaxes das respostas "moito" e "bastante" son maiores para o castelán. Sen embargo, o informe indica que na xuventude se aprecia unha "notable mellora" no dominio do galego "grazas á escola".
No estudo constátase tamén a desigual presenza do idioma na sociedade: mentres nas administracións autonómica e local e no ensino o galego conta cun uso maioritario, non ocorre o mesmo nos ámbitos da administración periférica do Estado na comunidade, na empresa e nas telecomunicacións, onde a situación da lingua "dista moito de estar normalizada", segundo sinalou onte Marisol López.
A secretaria xeral de Política Lingüística describiu o Observatorio como un instrumento "áxil e riguroso" para proporcionar información actualizada e en profundidade de sectores concretos co obxectivo de "planificar actuacións específicas" de normalización lingüística. Ademais, adiantou que este Observatorio centrará os seus vindeiros estudos en internet e nos organismos intermediarios entre a cidadanía e a Administración (notarías, despachos de avogados e xestorías).
No que respecta ao primeiro ano de funcionamento, o Observatorio realizou, con carácter pioneiro, unha diagnose xeral que abrangueu, ademais da clásica análise do uso do galego entre a cidadanía, sete ámbitos máis, incluída a empresa, a Administración e as telecomunicacións.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya