- Non está metido en demasiadas guerras?

- Iso é o bonito da política. Ao que lle gusta a política, é como xogar ao fútbol, cando hai partido é cando hai tensión. E a min non me quita o sono, xa teño moita mili.

- Aínda que a Fiscalía non da abasto con tanta denuncia de contaminación nas rías?

-É curioso que cando chega un goberno que por primeira vez pon en marcha un plan de saneamento das rías, cousa que non se fixera nunca, e invertimos máis de 620 millóns de euros, cando de verdade se lle mete o dente ao problema, curiosamente tamén o fiscal empeza a actuar. Había fiscais no Goberno Fraga, non é un descubrimento de hai tres anos, pero non actuaban, e as rías estaban sen depuradoras. E Vigo tiña sancións multimillonarias pendentes. Eu creo que é un síntoma de maduración da nosa sociedade. Estamos poñendo un pouco de orde.

- Pero tamén haberá que solucionar os puntos de verquidos.

- Sen parecer pretencioso, somos o primeiro Goberno galego que elabora e publica o que é a relación de verquidos do país. Demostramos que Galicia ten preto de 4.500 puntos de verquidos nas nosas rías e nos nosos ríos. Poñemos en marcha medidas, contratamos traballadores para un control permanente. Somos un país moi dado a facer unha inspección e non volver por alí nunca. O país non pode agardar a que haxa un accidente para pór en marcha medidas. Temos unha política de que se acabou o de vale todo. Incluso se acabou o de "como pago, contamino". Non, non. Como contamina, corrixe, e ademáis paga.

- As empresas son reticentes ás medidas medioambientais?

- Fai falta equilibrio: temos que desenvolvernos como país sen cargarnos o país. Esa é clave dunha Consellería de Medio Ambiente.

- Non todo o mundo ten tan claro o de Ence.

- O problema dunha celulosa é facela ben ou facela mal. É discutible, pero non é unha barbaridade esa planta. Países moi pouco sospeitosos de non ser a vangarda medioambiental, como Suecia, téñenas e ao lado das cidades e non pasa nada.

Unha celulosa do ano 60 é unha cousa; unha do 2013 non ten nada que ver. Unha das claves das políticas medioambientais son as novas tecnoloxías dispoñibles.

- Se é un problema de cartos, cando haberá novidades?

-A grande novidade xa se produciu: un Goberno chega e di que non pode seguir na ría de Pontevedra. Agora, a ver se conseguimos, falando, un acordo para pechar antes a celulosa en base a contraprestacións económicas.

- Ata canto está disposto a chegar o Goberno?

- O lucro cesante de anticipar o peche, máis os incentivos rexionais propios de calquera empresa que se ubique de novo. Vai montar unha celulosa? Hai subvencións rexionais, estatais, europeas... A cambio, en vez de pechar en 2018, adiante cinco ou seis anos. O cálculo xa está feito.

- Para cando esa especie de ameaza de que a xente pague máis pola auga?

-O Goberno galego nunca ameaza. A directiva marco europea di: a auga hai que pagala. E aínda pagándoa, non se ten dereito a usar toda a que se queira. En Galicia aínda quedan moitos concellos que non cobran pola auga e iso non pode ser. Sen que suba o prezo, si se paga dun xeito homoxéneo, seremos quen de xestionar a auga no país da auga, cousa que hoxe non estamos a facer. Veu un inverno moi seco, e A Coruña non tiña auga. Cecebre quedou ao 20%. Estamos facendo obras de emerxencia e pensando en alternativas para novos acopios en Cecebre.

- Falou vostede dunha primaveira seca e non deixou de chover. De onde lle viñan os datos?

- O día que falei dun plan contra a seca púxose a chover e non parou. Os datos eran das axencias estatais, que acertaban sempre, e de súpeto, na primaveira, equivocáronse. Afortunadamente. Eu prefiro ter posto en marcha medidas de prevención e que chovese, que non facelas e que non chovese. Temos que ser restrictivos no consumo de auga. Perdemos o 30% en tuberías en malas condicións e non temos capacidade de acopio. Embalses como o de Cecebre ou o de Vigo dan para dous meses.

- A solución pasa por construir novos embalses?

- Máis que construir novos embalses temos que montar sistemas en rede que nos permitan compensacións. Montar novos embalses é moi complicado medioambientalmente, pero estamos diagnosticando o futuro para as dúas áreas metropolitanas de A Coruña e Vigo. Non podemos esperar a que chegue unha sequía prolongada, imos ter un plan B para os dous concellos, que presentaremos a final de verán.

- Cantos anos terán que pasar para que se vexan os resultados da Lei de Residuos?

- Terá un efecto de aplicación inmediata. E imos sacar o plan galego de residuos sólidos urbanos, de lixo doméstico, que irá ata o 2017 para desconectar de Sogama o 70% do que recibe, e moito autocompostaxe no rural, e redución da incineración ao 30% de rechazos finais... Todos os erros anteriores hai que suprimilos. E temos que pór novas tecnoloxías e temos que invertir moito diñeiro no ciudadano. A principal tecnoloxía é a conciencia do ciudadán, para que seleccione en orixe. Hai países onde o ciudadán ten que pesar o lixo antes de botalo no contedor.

- As novas zonas protexidas, anunciadas nada máis tomar posesión, non dan chegado.

- Está aprobado o plan dos Ancares, e traballamos no do Courel e no do Macizo Central. Presentamos o plan de ampliación da Rede Natura, que pasa dun 13 a un 18%. Pero hai unha nova Lei de Biodiversidade, de decembro de 2007, que cambia o modelo.