Móstrase sorprendido pola falta de diálogo do PSOE, pero sostén que o BNG non ten présa, que a súa posición é a mellor: goberna no país e fai oposición fóra. Anxo Quintana (Allariz, 1959) está seguro de que o Bloque mellorará nas próximas autonómicas e de que seguirá gobernando, sobre todo tendo en conta a incapacidade do PP para o diálogo e para os acordos. Aspira a repetir o esquema actual do bipartito, pero cre que o BNG é a forza con máis capacidade de crecemento, polo que aspira a converterse en hexemónica de Galicia

- Non foi un fracaso quedarse a máis de 100.000 votos do resultado nas autonómicas?

- Cada proceso electoral ten a súa propia dinámica. Nós marcámonos uns obxectivos que cumprimos: aumentamos en votos, en porcentaxe, non houbo maiorías absolutas e os dous deputados do BNG van ser decisivos moitas veces na lexislatura.

- Hai voces críticas na Executiva que rebaixan ese éxito?

- Todo o mundo está tremendamente satisfeito.

- Camilo Nogueira non tanto.

- Non podo falar da opinión individual de cada un dos militantes. Todo o mundo sabe que sufrimos unha campaña tremendamente difícil, pensada para laminar todo o que non fose PSOE ou PP. Se fomos capaces de superar este rubicón, somos capaces de gañar calquera batalla.

- Séntese totalmente respaldado dentro do partido?

- Totalmente respaldado, mesmo por aqueles que poden manifestar unha opinión diferente á miña. O BNG hoxe ten máis unidade ca nunca.

- Evita pronunciarse abertamente sobre a data das eleccións para que non se vexa que é Touriño quen vai decidir?

- Non, porque creo que é un debate un pouco absurdo. A potestade corresponde ao presidente. O lóxico é completar a lexislatura. E ademais, ao BNG dalle exactamente o mesmo.

- Non lle importa que as eleccións coincidan coas europeas.

- Para os intereses electorais do BNG, da igual, pero para Galicia, como nación, é bo ter unhas eleccións propias, ao marxe de calquera outras, como Euskadi e Cataluña.

- Non é darlle demasiada vantaxe ao PSOE dicir que espera repetir bipartito con tanta antelación.

- Teño que facer unha previsión ao respecto dos datos reais. Non dixen repetir o bipartito. Dixen repetir o esquema de goberno actual, que é diferente. Non vai a haber maiorías absolutas, e para gobernar hai que ter votos e capacidade de diálogo. Por iso o PP o ten tan mal e o BNG vai seguir gobernando, porque cada vez ten máis votos, e ten capacidade de diálogo demostrada. A partir de aí, o máis probable e que se repita o esquema de Goberno, pero o BNG aspira a ser hexemónico.

- Como pode crecer o BNG? Algunha vez ten falado de captar o voto galeguista do PP.

- O BNG está en condicións de converterse no proxecto de referencia para todos os galeguistas. A compoñente galeguista, se algunha vez existiu nas forzas estatais, agora está totalmente abandonada. Existe unha maioría social que quere colocar a Galicia por diante de calquera outra cousa. A toda esa xente é á que se dirixe o BNG. E despois está a madurez que da estar no Goberno. Esa é a nosa proxección de expansión para as próximas autonómicas.

- A pesar de ser decisivos os dous deputados do Bloque, o PSOE non cede en nada.

- A lexislatura son catro anos. A investidura é un día, demos tempo ao tempo. Nós temos paciencia e non temos présa. O que está sucedendo estes días é un tanto estraño. O PP perdeu as eleccións, pero parece ser que gañou a súa cultura política. O PSOE presentouse como o campeón do diálogo, dos acordos, e agora resulta que non é capaz de acordar absolutamente con ninguén. E aínda o vende como un gran logro. Esa é a cultura política do PP. Non temos présa. Para unha forza nacionalista, estar no Goberno no seu país e poder facer oposición fóra, é a mellor das situacións. Agora, cremos que para Galicia sería positivo que o BNG participase na gobernabilidade do Estado. E imos manter esa disposición. E antes ou despois, iso vai ser así.

- Teremos que esperar ao final da lexislatura, á reprobación dunha ministra para que o BNG sexa decisivo?...

- Teremos que esperar un mes, a que haxa as primeiras cuestións para votar. O Partido Socialista está podendo facer o que está facendo, falando de segunda votación na investidura, por un estado de total e absoluta debilidade do PP, porque en calquera país democrático europeo, se o que se presenta diante do Xefe de Estado, non ten os votos suficientes, o segundo di: "Deixe vostede paso, que agora tócame a min". Se aquí o PSOE está xogando á segunda votación, é por unha debilidade do Partodo Popular, que é incapaz nin sequera de intentalo.