O traballo de Candida Höfer parte do interese pola multiplicidade de formas de presentación da cultura contemporánea, relacionándose dun xeito ben singular cos escenarios onde se desenvolve a sociedade e mais o coñecemento
O Museo de Arte Contemporánea de Vigo MARCO, continuando a nova xeira de exposicións individuais que iniciou con Jorge Barbi, ofrece até o 23 de maio unha mostra de Candida Höfer, unha das máis destacadas representantes da Escola de Düsseldorf –formouse na Kunstakademie desta cidade–, composta por unha escolma dos seus traballos dos últimos corenta anos nunha montaxe realizada en colaboración co prestixioso estudio berlinés de arquitectura Kuehn Malvezzi, creado polos arquitectos Simona Malvezzi, Wilfried Kuehn e Johannes Kuehn.
Cómpre lembrar que Candida Höfer é considerada na actualidade unha das personalidades máis representativas, cabo de Thomas Struth, Andreas Gursky ou Thomas Ruff, da Nova Escola de Fotografía Alemá, xurdida a finais da década dos oitenta e que atinxiu unha enorme relevancia no plano internacional.
A exposición, que leva o título de Projects: Done [Proxectos completados] inclúe obras de proxectos realizados entre 1968 e 2008: Liverpool; Flipper; Räume ["Espazos"]; Franz West; On Kawara; Kuehn Malvezzi; Zwölf. Die Bürger von Calais ["Doce", "Os burgueses de Calais"]; Zoologische Gärten ["Zoolóxicos"]; Possessions. Tamén presenta as series Türken in Deutschland ["Turcos en Alemaña"] e 80 Pictures ["80 imaxes"], realizadas nos anos setenta e oitenta, en proxección de diapositivas (1979) e dupla proxección de diapositivas (1996), respectivamente. Alén diso, a mostra do MARCO presenta un filme do catálogo, concibido tamén como proxecto no contexto desta exposición. A artista, os arquitectos Kuehn Malvezzi –que deseñaron a impecábel montaxe en estreita colaboración con Candida Höfer– e os comisarios Markus Heinzelmann e Doreen Mende, fixeron da relación entre fotografía, arquitectura e presentación das obras o eixo central deste proxecto. A cronoloxía das obras presentadas e a súa variedade fai que estamos perante unha mostra moi representativa da traxectoria da artista e da evolución das súas preocupacións formais.
O traballo de Candida Höfer parte do interese pola multiplicidade de formas de presentación da cultura contemporánea, relacionándose dun xeito ben singular cos escenarios onde se desenvolve a sociedade e mais o coñecemento, cerna da súa fotografía desde os anos oitenta. É a súa unha obra fortemente sistemática, que xorde do interese polo espazo, como se este convidase a ser obxecto dunha concreción fotográfica na que a fotógrafa consegue captar non soamente o instante senón as camadas do tempo en relación co espazo. Estas características dos espazos acaban por crear tipoloxías ao longo do tempo, e este aspecto evidenciase con rotundidade na mostra que podemos contemplar en Vigo. En certo sentido a imaxe remata ocupando o lugar do espazo coas súa relacións formais, planos e cores.
A obra da fotógrafa alemá hai que entendela sobre todo ligándoa, xa que logo, co espazo e tamén coas institucións que ela selecciona e decide fotografar, entre as que salientan aqueles locais destinados a coleccionar ou arquivar cousas, como bibliotecas e museos, mais tamén os espazos semipúblicos, como salas de institucións, teatros ou hospitais. As inmaculadas presentacións de interiores obrígannos a observar os obxectos e os pormenores presentes nos espazos e a ver como estes potencian a arquitectura ou como mesmo poden renxer fronte a ela. Neste sentido, obxectos como mesas ou cadeiras serven para nos orientar sobre as funcións dos espazos, tendo un papel ben relevante nas composicións, caracterizadas pola súa simplicidade á hora de representar o ámbito espacial, polo seu rexeitamento á intervención sobre a imaxe e pola colocación da cámara á altura do punto de vista do espectador.
Retratista do baleiro
Na fotografía de Candida Höfer desaparece o rastro da figura humana, aínda que si podemos sentir a presenza das persoas que ocuparon ou ocuparan eses lugares, persoas que si aparecían nas series dos setenta como Türken in Deutschland ["Turcos en Alemaña"] ou Liverpool. Esta elisión deshumanizadora semella ir orientada cara a captación do carácter representativo dos locais, empregando para iso un código fotográfico aséptico e distanciado que non deixa de reflectir a presenza da vida no xeito de habitar os espazos, no baleiro que fica na ausencia de seres humanos.
A fotógrafa compón unha imaxe total a partir dun aspecto espacial parcial e estático e ofrece ao espectador unha síntese visual-intelectual, mesmo transmitindo certa dose de perturbante ambivalencia –pola nitidez e frialdade– entre reprodución fiel da realidade e creación autónoma da imaxe. Trátase dunha manobra de arrefriamento; as senlleiras arquitecturas poden ser entendidas como un xeito de "revelar" estes espazos, "representativos" debido á súa función cultural ou social. A fotógrafa fai, pois, coas súa imaxes limpas e neutras, da espectacularización do espazo simbólico alicerce do seu discurso estético, conseguindo unha linguaxe visual intensa e persoal.