"A tortura mediante armas sónicas é a máis aséptica, porque non deixa marca no corpo"
Cofundador do colectivo escoitar.org, Chiu Longina vén de pendurar en alg-a.org Sonic Weapons. Elaborada xunto con Juan-Gil López, a peza presenta diferentes usos e tecnoloxías mediante os que o son exerce como controlador social: dende armas sónicas até dispositivos como o "mosquito", só audíbeis para os mozos.
–Montaron unha boa Vdes., o pasado outubro, cando anunciaron que instalarían o "mosquito" n´A Coruña...
–Foi unha provocación. O noso obxectivo era prohibilo, como pasou en Bélxica e Francia, e para iso argallamos a forma de conseguir ou ben un precedente administrativo ou unha sentenza xudicial en contra. Anunciamos que instalariamos o dispositivo nunha zona de "botellón"e rapidamente a nova apareceu en todos os medios do país. Empezaron a manifestarse as partes implicadas: asociacións xuvenís, asociacións de defensa dos dereitos dos animais –tamén o escoitan e lles fai dano–, asociacións veciñais, unhas en contra e outras a favor... e tamén o Concello, que é quen regula que dispositivos se poden instalar na cidade. Montouse tal rebumbio que non chegamos nin a instalalo. Tivemos que asistir a un pleno para explicar que é o "mosquito" e que o noso era un xesto artístico que perseguía a súa prohibición. Finalmente, o Concello prohibiu expresamente a súa instalación n´A Coruña; grazas a ese precedente administrativo, calquera institución que queira montalo agora vai ter un problema legal.
–Hai que explicar que este trebello emite un son de alta frecuencia, inaudíbel para a maioría dos que pasamos dos 30 anos.
–Así é. Con esta acción quixemos plantexar un debate que non está sobre a mesa: o por que desa brecha entre mozos e adultos; por que a instalación de dispositivos que demonizan e criminalizan un perfil de idade non crea unha masa crítica na sociedade. En Gran Bretaña hai 6.000 instalados, e aínda que hai xente en contra, hai outra parte da sociedade que os apoia. Hai unha serie de temas que están aí, e ferramentas como estas serven para abrir o debate. De feito, á semana seguinte organizamos unha mesa redonda e estaba cheo de xente.
–Tamén é un xeito de sacar a arte sonora fóra dos museos...
–É que nós cremos que as sociedades se constrúen así, contando coa participación de todos, sen que dende ningunha torre de marfil se decida o que é ou non é cultura. Nós, como artistas sonoros, decatámonos de que o que faciamos non chegaba á sociedade. Porque o do "mosquito" fixémolo no Matadero de Madrid, na Laboral de Xixón, no ZKM de Karslruhe (Alemaña), e non trascendeu máis aló das paredes asépticas do museo. Por iso dedicimos dar un paso máis.
–Non é a primeira vez que escoitar.org sae nos medios nacionais. Por exemplo, tivo moito eco o anuncio da gravación da caída da primeira castaña do outono no Courel.
–E agora estamos organizando todo para gravar o chorriño da Fontana de Trevi... Son pequenas accións que abren as portas dun mundo que está agochado: o do son. O noso obxectivo final é chamar a atención sobre a preminencia do visual sobre o sonoro, sobre ese olvido histórico que hai polo oído. Por iso escoitar.org está a facer un mapa sonoro de Galiza, un arquivo universalmente accesíbel onde os propios oíntes poden participar na súa configuración, subindo sons e xeolocalizándoos nun espazo. É de sentido común darse conta de que se tiveramos, por exemplo, unha gravación de campo do Mercado do Berbés nos anos 50, escoitariamos non só os prezos do peixe, senón as conversas da xente, as súas preocupacións, o seu acento... un monllo de datos interesantes e todos eles obxectivos. O son aporta moitísimo á hora de coñecer unha sociedade, pero a historiografía oficial segue a esquecerse del.
–Por que?
–Primeiro, hai que ter en conta o propio límite fisiolóxico do ser humano, xa que o noso nervio óptico ten 180 veces máis células que o nervio auditivo. E despois de investigar moito –de feito estamos a desenvolver dúas teses doutorais sobre ese tema–, descubrimos varios momentos na historia da humanidade nos que se lle deu un pau á orella tan grande que fixo que se esquecera, como a aparición do gravado no século IV ou a invención da imprenta. A oralidade deixou de ser a forma de trasmisión do coñecemento, e apagouse a orella. Falo sempre dende o noso contexto occidental, onde Descartes, Kant e todos os filósofos que construíron a idea de Occidente antepuxeron o pensamento racional sobre o puro pracer físico. Porque os datos que entran polo oído se procesan no hemisferio dereito, o que procesa os aspectos cualitativos da experiencia humana, frente ao esquerdo, que se encarga da lóxica, das matemáticas, do razonamento... e do visual. O ser humano, ao enfrontarse ao mundo sobre todo a través do ollo, desenvolveu máis o hemisferio esquerdo. E nós o que defendemos é que, volvendo a escoitar e a abrir os oídos ao mundo, conseguiranse estimular os aspectos cualitativos da condición humana. Hai un malestar xeral no mundo, iso é evidente, e pensamos que isto é un grao de area que pode axudar a ser mellores persoas.
–Outra cousa interesante da escoita é que non temos pálpebras, polo que cada un desenvolve os seus propios filtros.
–Exactamente. Repara que a primeira relación que temos co mundo como seres humanos é a través do son, da vibración no líquido amniótico da voz da nosa nai. Nacemos escoitando, e durante toda a vida estamos abocados a escoitar, porque non temos ningún sistema fisiolóxico que corte o fluxo de información sonora. A única forma de facelo é enfocando: como fai unha cámara que enfoca un obxectivo, o oído é capaz de enfocar a certas frecuencias, sobre todo as do rango no que está a voz humana. E cada un faino dun xeito, creando os seus propios filtros culturais. Polo tanto, ti escoitas unhas cousas e eu outras. E iso escápaselle ao racionalismo. Por iso decidiu apartar o son a un lado e poñelo dentro do mundo dos músicos, a arte... dentro do mundo dos intanxíbeis. Ese é o gran problema: como non podes facer ciencia co son, non é digno de conservarse nos museos ou nos arquivos nacionais... No Arquivo Sonoro de Galiza, por exemplo, non hai paisaxes sonoras: consérvase a palabra –Otero Pedrayo falando en Ourense no 62–, a música tradicional... pero esquecéronlles os sons literais.
–En Sonic Weapons, obra que participou no Art´s Birthday 2009 representando a España, investigan Vdes. o control social a través de tecnoloxías sonoras como o "mosquito", pero tamén outras menos evidentes, como as sereas das fábricas, a megafonía en aeroportos e supermercados...
–O son é un regulador social que se pode utilizar en positivo ou en negativo. Un semáforo que avisa a un cego, a marcha atrás dun camión... hai un monllo de dispositivos que xa están no noso imaxinario sonoro e que, evidentemente, son positivos. Hai outros que marcan socialmente. Por exemplo, o arco de calquera tenda: se pita cando saes, márcate como ladrón diante de todo o mundo aínda que no fixeras nada. E hai outros que teñen moito máis poder e que chegan moito máis lonxe. Temos o caso da radio. O paradigma é Orson Wells e mais A guerra dos mundos. Aquilo foi brutal. Repetiuse en Bélxica hai agora tres anos e funcionou exactamente igual: a xente fuxiu das súas casas porque viñan os extraterrestres. A radio é tan poderosa que hai discursos radiofónicos que cambiaron o rumbo da historia. É pola masa de son, polo significante máis que polo significado. Os silencios, a forma de modular as palabras... todo inflúe para que un discurso se interiorice e se poida crer nel. Iso fíxoo moi ben a música concreta. Hai unha obra que é incríbel, Variacións para unha Porta e un Suspiro, de Pierre Henry. Dura como doce minutos e é unha peza feita co renxer dunha porta. Cando empezas a escoitala, oes a porta, pero chega un momento en que está tan ben feita que desconectas da porta e comezas a escoitar masa sonora. Esa é a definición de música concreta: concretar o son, separalo da súa fonte, do significado que leva, e convertelo nun bote de óleo virxe para, a partir de aí, empezar a traballar.
–Pensa Vde. que se rexistra un maior interese polo son nos últimos tempos?
–Hai máis interese, pero queda moito por estudar. Que eu saiba, só hai dous libros que falan exclusivamente do control social con son, e publicáronse o mes pasado. Hai obras que inclúen capítulos sobre a música no nazismo, por exemplo, pero libros adicados exclusivamente ao son como controlador só estes.... Hai un que vén de saír do prelo, titúlase Sound Business e fala de como facer jingles, de que tipo de música poñer para vender máis e máis ás présas. É o que se chama Muzak: a música dos aeroportos, das tendas... Están moi estudados os distintos tons e acordes para infundir sentimentos: os acordes menores infunden tristura, introspección; os maiores, ánimo, brío... Na sala Purcell de Londres fíxose un estudo de dobre cego no que se descubriu que, no repertorio de órgano do século XII da liturxia católica, hai unha serie de obras que coinciden cos momentos álxidos da liturxia e que conteñen unhas frecuencias que infunden espiritualidade, que che desarman o ego... algo que ten moito que ver coa idea de control puro e duro.
–Dentro desa idea de control, temos que falar das armas sónicas. Por exemplo, o ruído branco. Que é exactamente?
–Para facerche un símil, é como o son do mar ou da chuvia: ese shhhhh constante. Acusticamente falando, contén todas as frecuencias audíbeis do espectro humano, que vai de 20 herzios a 20.000, á mesma intensidade. A alto volume, é tan atronador que é como se che fixesen unha masaxe a vinte mans ao mesmo tempo, acábache doendo a pel. En Guantánamo e Abu Ghraib, antes dos interrogatorios, facían un bombardeo durante dúas ou tres horas con ruído branco, e a persoa chegaba tan esgotada que o único que quería era durmir e saír de aí, o que axudaba moito a que contestase o que eles querían. Porque cando escoitas ruído branco a sensación é de desgaste e esgotamento físico, teste que deitar porque non podes co corpo. É a tortura máis aséptica, porque non deixa marcas visíbeis.
–E o LRAD?
-É un son dirixido. A empresa American Tecnology Corporation, que traballa co exército de EEUU, inventou un aparello que é capaz de enviar o son de forma totalmente paralela, como se fora un láser de luz. Pode emitir ata 160 decibelios, moito máis dos 95 legais, e é o novo xoguete das policías, como no seu día foron os gases lacrimóxenos. Utilizouse en Gaza, en Xeorxia, en Pittsburgh durante o G-20... A España non tardará en chegar porque é barato, evita aglomeracións e non deixa marca ningunha, a non ser que che rompa o tímpano. A xente que o recibe di que sente unha presión no peito, unha dor na base do occipital, e que os oídos lle pitan durante catro días.
–Seica American Technology Corporation desenvolveu máis dispositivos.
–Está o HyperSonic Sound: unha grella cuxo formato orixinal, o que vale 3.000 euros, ten o tamaño dunha paleta de albanel e serve tamén para enviar calquera son a unha gran distancia e en paralelo. Pódese utilizar, por exemplo, nas oficinas dun banco: estás facendo cola e chegas baixo unha destas placas colocadas no teito, que emite unha gravación recordándoche que tes que preparar o carnet, os impresos... É un aviso sonoro que só escoita a persoa que está debaixo. Aplicacións ten moitas, pero a primeira vez que se utilizou oficialmente foi moi curiosa: un programa de fenómenos paranormais nos EEUU puxo un anuncio nun edificio que dicía "O 70% dos americanos cren nos fenómenos paranormais. E ti?". No alto do edificio había dispositivos deste tipo, e se pasabas por diante, escoitabas unha voz de ultratumba. Porque a particularidade deste son é que non se transmite a través da vibración do aire. O que fai é emitir unhas ultrafrecuencias que fan que os ósos do cráneo vibren, e se convirtan nunha voz intelixíbel. Por iso, cando che apuntan con ese aparello, a sensación é de que a voz sae de dentro de ti. Imaxina o poder dese anuncio. E esta é unha forma suave de utilizalo, pero da pé a pensar en moitos outros usos menos inocentes. Por exemplo, hai outra arma, o Active Denial System, tamén de American Technology Corporation, que é semellante ao láser de A guerra das galaxias. Emite unha frecuencia que excita os sensores que temos entre a derme e a epiderme, aqueles que se encargan de enviar ao cerebro información do exterior, e provoca a sensación de queimazón. Non podes evitar sentir que te están queimando... pero non che deixa marca ningunha. Todos aqueles mecanismos que se imaxinaban nas distopías do cine e a literatura están xa agora aquí, e o gran problema é que non temos armas legais para defendernos deles.
–-Este tipo de aparatos non están regulados en ningún país?
–Non está regulada a cualidade do son, só a cantidade, o que se chama a intensidade sonora, que se mide en decibelios. Somos presos de Occidente, e todo aquilo que non se pode medir non é digno de lexislar. E ti non podes chegar ante un xuíz e dicirlle "é que me bombardearon con ruído branco e teño a cabeza como un bombo". Que proba presentas? Poderanse prohibir aparellos, pero non o tipo de son que emiten por si só. Pero insisto, o verdadeiro poder do son é o poder da voz para embaucar, porque pode cambiar a historia do mundo.
-Como facerlle frente?
-Hai que saber o que é posíbel facer co son, que estea historiado, e que os medios vos ocupedes diso. Que sexa un tema candente, porque a sociedade ten dereito a saber se está sendo dominada. Esa é a clave. E se fas exercicios de escoita activa, se quitas esas capas, eses filtros culturais, podes chegar a dominar este sentido como dominas o ollo.
-Como se fai esta escoita activa?
-Nós temos varias formas de facelo, a través de exercicios artísticos nos obradoiros que organizamos. Recomendámoslle á xente que estea 48 horas sen falar. Costa un mundo, pero cando chegan aos obradoiros veñen cunha apertura brutal.