Os viños de Valdeorras están de moda, especialmente grazas ao momento de gran aceptación que atravesa a variedade estrela desta comarca ourensá: a uva godello. Referenda o bo momento dos brancos e tintos do lugar o feito de que unha das publicacións máis prestixiosas do sector, a Guía Peñín, valorase na súa edición máis recente os viños da zona como os terceiros mellores de España, por tras dos de Priorat e dos de Jerez. Xunto a isto, a publicación considera os viños xóvenes de Valdeorras como os mellores do país.

Neste sentido, Javier Luengo, director editorial da guía, considerou no marco dunha recente visita ás instalacións do Consello Regulador co obxecto dunha cata que “Valdeorras camiña con paso firme na elaboración de viños de excelente calidade”. Luengo avaliou mostras de máis de 100 referencias de viños, enviadas pola práctica totalidade das bodegas da D.O.

No caso dos tintos catados, o especialista puxo en valor que “a colleita de 2015 de Valdeorras inclúe viños con bastante expresión”. Ademais, “posúen rasgos varietales moi marcados e bocas con moita estrutura, algo que é tendencia nos mercados internacionais”. Os viños tintos de Valdeorras “están moi ben definidos” e “percibimos unha relevante mellora con respecto ao ano pasado”.

No caso dos brancos, afirmou que se percibe “un gran equilibrio entre froita e madeira”. Case todos os brancos catados son de 2015, aínda que tamén se testaron algúns de colleitas anteriores. “Estanse axustando os tempos de crianza en barrica, o que é moi positivo porque permite que a froita se exprese”, asegurou Luengo. Xunto a isto, as novas referencias de branco de “alta gama”, con crianza sobre lías, achegan un plus diferenciador e “incorpóranse ao máis alto dos viños da D.O.”

Unha vendima atípica

Porén, a pesar do bo momento que atravesa a reputación dos viños da zona, a vendima deste ano non foi precisamente un camiño de rosas. Tras case dous meses de traballo, finalizaba en novembro cun total de de 4.656.213 quilos de uva recollidos, un 29% por cento menos con respecto ao ano pasado.

Esta redución, que xa estaba prevista, xustíficase por varios factores. Dunha banda, o mildiu e outras afeccións das cepas rexistradas ao longo da campaña e, pola outra, polos fenómenos meteorolóxicos adversos que se produciron: altas temperaturas e pedrisco no verán, así como abundantes choivas na primavera. Malia todo, un ano máis, a uva de Valdeorras “segue a gozar dunha excelente calidade”, segundo considera o presidente do Consello Regulador, Francisco García.

Por variedades de uva recollida, o godello colocouse de novo no primeiro lugar con 2,46 millóns de quilos. A continuación situase a mencía con 1,46 millóns de quilos. Por tras, veñen a variedade alicante, con 444.986 quilos; a jerez, con 213.852 quilos e sousón, con 33.344 quilos. Finalmente, únense á listaxe os 18.208 quilos de tempranillo recollidos; os 8.205 de merenzao; os 6.165 de albarello e os 397 quilos de dona branca.

Xunto a isto, recentemente tamén se coñecían os datos de comercialización dos viños valdeorreses da campaña anterior. As bodegas amparadas baixo o selo da D.O. bateron, por segundo ano consecutivo, o récord de viño cualificado para a súa comercializaicón. Na pasada campaña, a de 2015-2016, o Consello Regulador cualificou 4.096.549 litros, superando nun 3,6% os da tempada 2014-2015.

Campaña promocional

Para promocionar os seus produtos en diferentes mercados e chegar directamente aos potenciais consumidores finais, o Consello Regulador vén de activar unha campaña bai o lema “Un saber facer único”. A iniciativa, cuxa idea creativa desenvolveu o estudio coruñés Atelier Gráfica Visual, pon o acento na forma de elaborar dos profesionais do viño de Valdeorras, que se traduce no excelente produto que supoñen os brancos e tintos da zona.

A gráfica desta campaña presenta unha ilustración a partir de elementos ligados ao eido do viño, pero cun tinte fantástico. Pretende causar un efecto sorpresivo a través da asociación visual de dúas imaxes que asocian libremente conceptos ligados e á vez contrapostos. Trátase de ilustracións con obxectos únicos e imaxinarios, a modo de greguería gráfica.

O obxecto resultante é un abridor que na súa parte inferior ten follas de vide, en lugar de sacarrollas. “Un obxecto único como único é o noso saber facer”, puxo en valor o presidente do Consello Regulador, durante a presentación da campaña.

Toda a gráfica apóiase sobre texturas de papel que presenta un aspecto rancio, como impregnado polo paso do tempo, insistindo, así, no carácter tanxible, humano e tradicional dunha actividade milenaria como é a elaboración do viño.

Esta imaxe situarase durante un mes, ata o 21 de decembro, nas traseiras e tamén, nalgúns casos, nos laterais das flotas de buses urbanos de diferentes liñas que transcorren polas sete cidades galegas: tres Vigo, unha en Ferrol e dúas en cada unha das urbes restantes. Xunto a isto, esta mesma imaxe será a protagonista da valla exterior que está fronte ás instalacións do Consello Regulador. E, en paralelo, acompañarase coa retransmisión dun pequeno vídeo promocional que poderá visionarse en pantallas emprazadas no centro de Santiago durante dous meses.

Feira do Viño

De entre todas as iniciativas de promoción que se articulan desde o Consello Regulador e que inclúen, principalmente, a presenza en feiras especializadas, a posta en marcha de catas ou a activación de patrocinios, hai unha que destaca por riba de todas: a Feira do Viño na comarca.

Na última edición, máis de 6.000 persoas achegáronse ata o Viloira (no Barco de Valdeorras) para degustar os brancos e tintos da comarca. En total, servíronse por riba das 7.000 degustacións, case un 15% máis que en 2015. Para o presidente do Consello Regulador, “a Feira foi un rotundo éxito, grazas ás bodegas participantes e á afluencia de público interesado neste sector, que tantos postos de traballo crea e que sitúa a Valdeorras no mapa mundial”.

Xunto a isto, Francisco García expresou o seu desexo de que na vindeira edición, coincidindo co 60 aniversario da D.O., “participen todas as bodegas, especialmente as que subiron a este tren que leva en marcha case seis décadas grazas ao traballo, a constancia, a dedicación e o esforzo económico dos pioneiros locais”.