Singularizarse no sector cárnico galego non é doado. Ademais de ter unha longuísima traxectoria, desde 1949, a empresa Embutidos Lalinense vén apostando nos últimos anos por facer da innovación o seu estandarte. Foi primeiro coas premiadas conservas de cocido e lacón con grelos, despois co Kit Antimorriña que se envía a calquera parte do territorio nacional e europeo, e recentemente cun lacón 100% DUROC que é único no mercado galego.

Único no mercado por proceder de porcos de raza pura 100% DUROC. A esta xenética únese o feito de que son porcos alimentados de xeito controlado e especializado, e que medran en granxas con alto nivel de benestar. Recoñécese a simple vista por ter a uña negra, que singulariza a esta especie porcina, pero o que realmente o caracteriza é que en canto a sabor, textura e propiedades nutricionais é excepcional.

A raza pura Duroc presenta maior porcentaxe de graxa intramuscular que outras liñas Duroc, e este nivel de infiltración e a presenza maioritaria de graxas monoinsaturadas melloran aroma, sabor e textura, e ao mesmo tempo a calidade nutricional, polo que teñen un efecto beneficioso polo alto contido en graxas monoinaturadas e ácido oleico.

Pola súa apariencia e pola carne tenra, melosa, saborosa e saudable, dise que o Lacón Duroc de Embutidos Lalinense é o patanegra dos Lacóns.