Dende moi nova, Montse Liñares estivo vinculada e atraída polo mundo do folclore, incluso chegou a dirixir varios grupos culturais. Foi nesa etapa cando se decatou das necesidades de traxes e tecidos que tiñan todas estas agrupacións. Entón, decidíu involucrarse e aprender a tecer e bordar, cubrindo así a demanda de tantos galegos e galegas amantes da cultura patria. Agora a súa tenda, Bulideira, leva aberta xa 11 anos, converténdose nunha referencia no mundo do traxe tradicional.

Pero en bulideira non só confeccionan, senón que tamén son pioneiras na investigación de vestimenta histórica, de xoias e na recollida e réplica de pezas antigas. Así, conseguen ampliar o seu negocio e realizan un traballo histórico, cultural e necesario: "Buscamos pezas antigas e replicámolas. Non só traxes, agora mesmo estamos reproducindo pezas olvidadas que estaban en museos que son propiedade de particulares e que nos emprestan para poder traballar con elas".

Deste xeito, compensan o duro golpe que levaron coa crise, xa que como un efecto dominó,as subvencións e o circuíto de actuacións foron caendo ata chegar ao seu negocio.

A perspectiva de xénero

Non cabe dúbida de que o modelo de negocio e as técnicas deste ofico evolucionaron, pero outra das cousas que tamén cambiou foi o público, porén o papel da muller non o fixo.

-Cal era o papel da muller cando comezou nisto?

Aquí todas as traballadoras sempre fomos mulleres, así que a muller ten un papel total. Creo que dentro do mundo da artesanía acontece isto, aínda que, se cadra, pasa máis a cotío no mundo do textil, que está en mans das mulleres. A muller éo todo.

-Vanse interesando máis os homes?

Dende logo. Ademais disto, nós vendemos material para a xente que queira facer o seu traxe na súa casa. Vemos a moitos homes que xa saben bordar e que veñen buscar os materiais, que se están incluso adicando profesionalmente a facer traxes. De feito creo que nese aspecto dimos un paso de xigante

-Como vos tratan as institucións?

Nin ben nin mal, directamente non nos tratan. Non temos nin subvención nin nada que se lle asemelle. Tentan promocionar un pouco a artesanía pero aínda queda moito traballo por facer.