O presidente da Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, Alejandro Quiñoa, é claro cando fala da realidade á que nos enfrontamos en Galicia: "Existe precariedade, pero non podemos despistarnos dos problemas da pobreza e a violación dos Dereitos Humanos que observamos se adoptamos unha perspectiva global".

A situación actual das ONGs para o desenvolvemento é de resistencia: "Por mor da crise puidemos ver un repunte dun discurso antagonista ao noso. Este é o que esixe priorizar as nosas demandas perante as doutros, pero o que atopamos é unha realidade global na que hai o maior número de persoas refuxiadas dende a Segunda Guerra Mudial, ademais dos 700 millóns de persoas en situación de pobreza que viven con menos de euro e medio ao día", explica Alejandro, que ten claro que non se lle pode negar a importancia e a gravidade ao que temos aquí, mais ten a obriga de ter unha visión sen ataduras fronteirizas.

Dende a Coordinadora entenden que a problemática ven dunha crise sistémica que, para resolverse, precisa dunha análise e un diagnóstico políticos.

"Somos conscientes de que non podemos ter ataduras partidistas e que temos que traballar para levar a nosa analise e as nosas propostas aos diferentes partidos para que eles tomen as decisións e decidan se implementalas ou non. Dende logo, sabemos cales son os nosos principios", responde Alejandro á pregunta de se resulta complexo non ter vínculos cos partidos políticos.

Máis voluntarios

Segundo a Coordinadora, percibiuse que o voluntariado tivo un repunte nos últimos anos."É fundamental para os programas asistencias ou de defensa dos Dereitos Humanos. Ademais, dende a nosa organización non percibimos un gran cambio; de feito, todo o contrario, houbo incluso unha subida, quizais ocasionada pola empatía ante as nosas necesidades", afirma Alejandro.