Máis un ano o Concello de Redondela acolle unha nova edición da Rede de Músicas Soltas. Por terceiro ano, a mellor música tradicional e contemporánea que se pode escoitar en Galiza dun xeito próximo, íntimo e regular. Unha cita mensual coas mellores músicas populares galegas, peninsulares e internacionais nun programa para presentar os traballos de artistas en activo no acolledor espazo do Auditorio da Xunqueira, no corazón da vila dos viadutos, os terceiros sábados de mes (agás no mes de maio que será o segundo), ás 21h.

A través da Rede coñeceremos, de primeira man, o novo disco "Lobos", do artista galego Davide Salvado, que abrirá a Rede o vindeiro sábado 16, ás 21h, cunha formación a cuarteto, acompañado de Santi Cribeiro (acordeón), Pedro da Lama (saxo) e Carlos Freire (batería). Desde o Brasil, no mes de febreiro, chegan Coladera, o trío de Vítor Santana (guitarra), Joao Pires (guitarra) e Marcos Suzano (percusión). No remate do inverno, o 19 de marzo, chegan as Lagharteiras, cun concerto con estas nove cantareiras ao completo, máis convidados sorpresa. No mes de abril, o sábado 16, serán os portugueses Toques do Caramulo, de Águeda, os que nos achegarán os toques da súa Serra. Uns días antes das Letras Galegas, o 14 de maio, serán os composteláns Puntada sen fio os que presentarán o seu primeiro e celebrado disco "A lúa prendeu a luz". E fechará a Rede o vigués Javier Marcos Quinteto presentando o disco "Ten Dez", o 18 de xuño.

A Rede de Música Soltas de Redondela 2016 é unha programación de concertos de inverno apta para todos os públicos. A Rede de Músicas Soltas é un ciclo de concertos promovido polo Concello de Redondela e organizado por a Central Folque, Centro Galego de Música Popular. Concertos próximos ao redor de músicos con voz propia, e dos seus universos. A entrada aos concertos custará 5 euros, 2 euros para a xente nova (até os 25 anos) e os desempregados e entrada gratuíta para os nen@s até os 10 anos.

Música viva, que respira, que se move, que nos fai vivir, sentir e emocionarnos en familia. Unha Rede de concertos na que se presentarán e se poderán mercar os discos mais actuais da música popular galega e de fóra de Galiza. Músicas variadas, de todos os POPs, de todos os pobos. Desde as recollidas e reelaboracións da música tradicional que fan Davide Salvado ou Lagharteiras, ás novas composicións de Coladera ou Puntada sen fío. Desde a música festiva da Serra do Caramulo dos Toques até o jazz íntimo e cálido de Javier Marcos.

A maiores dos concertos, este ano a Rede incluirá actividades paralelas (charlas, cursos, etc.) cos artistas todos que participan. Máis información e inscrición gratuíta na web do Concello de Redondela e en folque.com