A película de animación O APÓSTOLO será a primeira do seu xénero en competir na Sección Oficial do Festival Internacional de Cinema de Moscú, considerado un dos máis importantes do mundo e clasificado como Clase A pola FIAPF (Federación Internacional de Asociacións de Produtoras de Filmes). Coa presentación da que é tamén a primeira longametraxe europea de animación stop motion estereoscópico o próximo 25 de xuño na capital rusa, a produtora Artefacto Producciones arrancará a promoción internacional da súa primeira longametraxe.

É a segunda vez que esta cinta, innovadora tanto pola técnica de 3D empregada como polo sistema de rodaxe, consegue entrar en competición na Sección Oficial dun festival que nunca antes seleccionara filmes de animación. O 27 de abril pasado, O APÓSTOLO loitou pola Biznaga de Ouro -con gran éxito de crítica e público- no Festival de Cine de Málaga tamén por primeira vez nos seus 15 anos de traxectoria.

Neste proxecto, dirixido polo director compostelán Fernando Cortizo, traballaron durante os últimos cinco anos máis de 200 técnicos internacionais especializados na captura estereoscópica, na animación ou na creación de bonecos, con experiencia en películas como Coraline, Matrix, O señor dos aneis ou Evasión na granxa. Na rodaxe, realizada integramente en Galicia, aplicouse tamén un sistema innovador á hora de traballar cos actores, entre os que destacan Geraldine Chaplin, Jorge Sanz, Paul Naschy, Carlos Blanco, Pico e Luís Tosar, dado que lles deron vida aos personaxes por partida dobre. En primeiro lugar graváronse con eles as escenas da película, cos seus movementos e diálogos reais. A continuación, o equipo de deseño de personaxes e modelmakers, dirixido polo inglés John Craney, realizou os bonecos a imaxe e semellanza de cada un dos intérpretes e, por último, os animadores, coordinados pola canadense Peggy Arel, utilizaron as imaxes rodadas previamente como referencia para imitar os movementos e expresións dos actores á hora de animar os personaxes.

En opinión do director, Fernando Cortizo, esta técnica, "que non se empregara antes na animación stop motion, permite que o espectador esqueza desde o comezo do filme que está vendo bonecos, facendo así máis realista a historia, e permitíndolle centrarse exclusivamente na trama e na ambientación". Precisamente, o realizador, que debuta con esta longametraxe, destaca "o inxente traballo que hai detrás deste proxecto, de factura moi lenta, no que se gravaban unha media de entre 2 e 3 segundos diarios en cada un dos 19 sets de rodaxe empregados de forma simultánea e utilizando arredor de 90 bonecos para darlles vida aos 13 personaxes da película".

O capítulo de colaboracións especiais complétao, polo de agora, o músico estadounidense Philip Glass que compuxo a banda sonora e que foi candidato en tres ocasións aos premios Óscar por As horas, Kundum e Diario dun escándalo.

Sinopse

O APÓSTOLO mestura suspense, humor e fantasía nunha historia ambientada no Camiño de Santiago. O protagonista, un preso que acaba de fugarse do cárcere, verase envolto en estraños e desacougantes sucesos ao intentar recuperar un botín agochado anos atrás nunha apartada aldea desta ruta. Sinistros anciáns, estrañas desaparicións e ata o mismísimo Arcipreste de Santiago conflúen nunha trama chea de misterio e intriga que levará ao protagonista a enfrentarse cunha terrible condena moito peor da que conseguira escapar.