Xulio Ferreiro: "En Marea debe incorporar as Mareas locais e rebaixar tensións"

"A campaña non estivo todo o ben que debería" - "Os rexidores do cambio temos a responsabilidade de suxerir o camiño a seguir nas autonómicas"

29.06.2016 | 04:55
Xulio Ferreiro. // J. Roller

O alcalde de A Coruña, Xulio Ferreiro, avoga por deixar a un lado os enfrontamentos internos e traballar nun proceso onde prime a unidade e o compañeirismo en En Marea fronte as cotas de poder na candidatura que as forzas do cambio presentarán ás eleccións autonómicas, logo da perda de apoios nas xerais deste domingo.

-A próxima cita coas urnas serán as eleccións galegas, que van facer para intentar mellorar os resultados?

-Toca analizar os posibles erros que se cometeron en En Marea, eu penso que houbo unha campaña que non estivo todo o ben que debería e que non se logrou transmitir toda a ilusión que si se transmitira en decembro. O que toca é abrir En Marea, rebaixar o nivel de tensión, incorporar máis actores, trascender o que é a coalición dos tres partidos e incorporar, sobre todo, ás mareas locais, tanto das cidades como das vilas, que teñen moito que achegar para construír esa alternativa desde abaixo.

-Por que di que a campaña non estivo todo o ben que debería?

-O rival a bater era o PP e hai que enfocar a campaña contra as súas políticas e ofrecendo alternativas serias en clave propositiva. Iso é o que ten que ilusionar á xente que, maioritariamente, creo que segue insatisfeita coas políticas do PP pero necesita un referente electoral ao que acudir e que o mobilice.

-A súa participación no mitin de peche de campaña de Unidos Podemos en Madrid foi criticada dentro de En Marea e tamén entre os afíns á Marea Atlántica, volvería ir se tivese a oportunidade?

-A intención era a de axudar e a de apoiar o cambio como xa o fixeramos noutras partes do Estado. En decembro fun a Barcelona a apoiar a candidatura de Barcelona en Comú e non houbo ningún malestar.

-Tanto en Madrid como na Coruña dixo que iamos "ter un presidente con coleta", logo destes resultados, Pablo Iglesias segue a ser un referente ou cómpre mudar as caras?

-Creo que o papel que tivo Pablo Iglesias para construír unha alternativa a nivel de Estado é evidente, facer un partido como Podemos e levalo até onde o levou en tan pouco tempo ten moito mérito, e iso fixo que houbese alternativas noutros países do Estado, como en Galicia e Cataluña. Porque non se cumprisen as expectativas tan altas que se depositaran no partido nestas eleccións tampouco hai que sobrereaccionar á hora de pedir responsabilidades. Cómpre sermos máis comedidos.

-Que leccións deixan estes resultados que deban aprender para vindeiras citas electorais?

-Hai que aprender a non fiarse moito das enquisas, e que o traballo non está feito nunca e que se hai que esforzar sempre e que hai que manter a capacidade de ilusionar e que, para iso, hai que ter unha alternativa seria, fiable e que teña propostas programáticas claras e capacidade para levalas a cabo. En todo caso, nada que non se soubese de antes.

-En Madrid ofrecía como aval de Unidos Podemos e das súas confluencias o traballo feito desde María Pita, pódese entender que os veciños non están contentos coa xestión no Concello e por iso non apoiaron unha candidatura similar para o Estado?

-Non o vexo así. Creo que, aínda que eu dixera iso, non xirou a campaña arredor dos Gobernos do cambio, entraron a última hora. Creo que, se en decembro a xente estaba contenta, tamén o estará agora, porque non pasou nada nos concellos nestes meses que supoña un cambio substancial. Penso que na Coruña estamos mellor agora que en decembro, sacáronse adiante proxectos moi importantes como a renda social municipal. Ademais, en cidades nas que non gobernan as mareas ou as confluencias non houbo un comportamento diferente,

-Avoga por eliminar o "ruído" para encarar o proxecto das eleccións galegas, mais hai unha corrente que opina que o proxecto de confluencia depende demasiado de Madrid e outra que prefire deixar a un lado o nacionalismo, como avalía estas opinións?

-Eu creo que o éxito de En Marea, cando foi ben e agora que segue a ser a segunda forza, ten que ver coa transversalidade e coa confluencia, con unir culturas políticas diferentes pero que teñen puntos en común. Iso é unha fortaleza e creo que hai que seguir por aí, sen preguntarlle a ninguén se é ou non nacionalista, senón se comparte os principais puntos de acordo.

-Fala de construír desde abaixo pero, dará tempo a facer unha candidatura para as galegas dese xeito?

-Hai que ir despexando incertidumes, unha é o nome do candidato ou da candidata. Corre présa pero non hai que dar pasos en falso. Eu creo que se pode construír desde abaixo, pero tamén que se poden atopar persoas de consenso.

-Que peso van ter os alcaldes e as mareas municipalistas na configuración da candidatura?

-Eu creo que as baronías non funcionan neste espazo político e, nese momento, supoño que os tres alcaldes terán unha referencialidade e, seguramente, unha aceptación elevada en marcos de consenso. A nós o que nos corresponde é asumir certa responsabilidade á hora de suxerir cal pode ser o camiño que permita traballar en termos de cooperación e de compañeirismo e non tanto de rivalidade interna.

-Pero a rivalidade está aí, como van conseguir esa cooperación se seguen a ser os mesmos e tampouco teñen o tempo necesario para faceren primarias nin procesos de participación?

-Creo que segue a haber moita xente neste proceso, algunha que non tivo un papel protagonista antes pero que está preparada para telo e, desde logo, ensanchar o espazo de toma de decisión contribúe a crear aire fresco e a poder superar dinámicas que, seguramente, foron esaxeradas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine