Bará: "A grande aposta do BNG é defender en Madrid a capacidade de Galiza"

O candidado do BNG visitou instalacións do polígono do Campiño

24.06.2016 | 03:17
Bará e Lores visitaron Cristal Pontevedresa no Campiño . // Fdv

"A grande aposta do BNG é defender en Madrid a capacidade de Galiza". Así o indicou onte o candidato do BNG-Nós pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, quen visitou dúas empresas do polígono industrial de O Campiño e A Reigosa, Arnoia e Cristal Pontevedresa, que cualificou de exemplo das potencialidades e capacidades do país. O número un da lista destacou que a presenza política do nacionalismo en Madrid debe servir "para defender o tecido produtivo galego, a capacidade que temos de ser competitivos e tamén de facer políticas que aposten por todos os nosos sectores", e sinalou que iso "só o pode facer o BNG con garantías", xa que ten demostrado "fidelidade, lealdade e coherencia" no seu traballo no Congreso dos Deputados.

Bará visitou, xunto ao alcalde de Pontevedra, a distribuidora de libros Arnoia, que traballa no sector cultural con 170 traballadores e conta con 150.000 referencias de produtos en stock que reparte por todo o estado e tamén no exterior, nos cinco continentes. Está instalada dende hai catro anos en A Reigosa, supuxo unha inversión de seis millóns de euros e factura anualmente 75 millóns. "É unha potencia, unha empresa que está en expansión e que é unha mostra da capacidade que ten este país tamén no sector cultural", subliñou o candidato. O mesmo ocurre no caso de Cristal Pontevedresa, empresa histórica con case 60 traballadores que se instalou no Campiño en 2009.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine