Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO entrevista ao candidato do BNG

Luís Bará: "Galicia debe ter forzas propias para medrar"

"Ence é un exemplo de espolio. Daremos a batalla legal, social e política para botala abaixo"

Bará, onte no centro de Santiago. // Xoán Álvarez

Luís Bará é a única novidade da candidatura do BNG-NÓS respecto ao pasado 20 de decembro, ademais de recuperar as súas siglas. O concelleiro en Pontevedra, que deixará o seu cargo en caso de lograr un escano, releva así á deputada autonómica Carme Adán, oposta ao rumbo actual da organización. Rexeita os "atallos" de pactar con forzas estatais como Podemos para mellorar o resultado porque logo "votan unha cousa aquí e outra en Madrid".

-O BNG sinalou o 26-X como segunda oportunidade logo de quedar o 20-D fóra do Congreso por primera vez desde 1996. Confía en logralo nunha campaña cada vez máis polarizada?

-É unha ocasión de que Galicia recupere a voz que tivo en Madrid durante 20 anos a través do BNG e que foi moi importante para defender os seus intereses. En cinco meses de lexislatura fracasada, Galicia estivo ausente, as forzas estatais non tiveron en conta os seus problemas e foron incapaces de chegar a un acordo para construír unha alternativa ao PP porque prevaleceron os intereses particulares sobre os xerais. É imprescindible que Galicia recupere presenza política para ser respectada, participar nos asuntos de Estado e ser determinante.

-Que suporía outro fracaso?

-Queremos convencer a moita xente desencantada polo comportamento das forzas estatais. Se o BNG está, Galicia está. Logo valoraremos os resultados.

-Que pensa cando ve o escenario político actual, co BNG fóra do Congreso o 20-D, Ciudadanos cun escano, En Marea superando o PSdeG...?

-É unha campaña polarizada, televisiva? pero nós temos a nosa, baseada en que é vital para o país apostar por forzas propias porque serán as que defendan o país. As estatais ou de obediencia estatal din unha cousa aquí e outra en Madrid. Cando nós tivemos capacidade de influencia no Estado, puidemos condicionar os investimentos e políticas a favor de Galicia.

-E por que se fugan os seus votantes a En Marea, que, segundo Beiras, é a "auténtica esquerda"?

-Non son partidario de opinar do que din os demais nin dicirlles o que teñen que facer. Aquí hai forzas políticas que decidiron pórse ao servizo doutras estatais, neste caso de Podemos: buscaron atallos e bandeiras de conveniencia. Temos que ter orgullo, confianza, dignidade. Non valen as solucións cómodas ou doadas. Aínda que o camino sexa máis longo, a única garantía de que este país se desenvolva por si mesmo é con forzas propias, non supeditadas a outras estatais.

-Mais perden apoios...

-Hai unha polarización da campaña, que se move en clave de cambio de gobernó e botar ao PP. Para nós non é o único factor, tamén hai un nacional. Non chega con cambiar o PP por un goberno de esquerdas porque houbo algúns moi lesivos para o país. A única garantía é que Galicia conte nese novo esquema político e teña capacidade de influencia e decisión. Respecto a elección de cada forza política e da xente, pero para nós debe darse cambio político, pero tamén presenza de Galicia.

-Hai días presentaban un documento con dez propostas económicas, como unha facenda galega propia ou unha tarifa eléctrica diferenciada. Son aplicables ante o presumible veto de Madrid?

-Depende da correlación de forzas, pero é probable que haxa unha recomposición do marco político no Estado e a cuestión nacional vai estar presente aí, a expensas tamén de resolver o problema catalán. E desde aquí debemos defender a capacidade de decisión de Galicia. Non renunciaremos a reivindicacións históricas por oportunismo ou porque os réditos políticos sexan maiores cambiando de plantexamento. Logo pode haber fórmulas intermedias e se non se pode crear unha banca pública, si un instituto de crédito e desenvolvemento, pero a aposta de futuro é máis autogoberno. E iso só se consegue con capacidade de influencia en Madrid e aquí.

-Hai días xerouse unha polémica polo voto do PSdeG a favor de debater a proposta do BNG para que Galicia tivese un cupo económico como o vasco. Malia iso, os socialistas criticaron a idea porque minguaría os ingresos galegos en 1.000 millóns ao ano. Que lle parece?

-Temos datos que avalan o noso enfoque. Queremos romper a visión de Galicia como país dependente e subsidiado. Acreditamos que Galicia pode xerar moita máis riqueza. Pero os partidos estatais moitas veces teñen unha posición aquí e outra en Madrid e están en permanente contradición e un día apoian propostas como esta e o mesmo día danlle orde de botala abaixo. Pasou tamén co concurso ecólico: o intereses do oligopolio eléctrico ordearon botar abaixo co apoio do PSOE. Pasa coa AP-9, sobre a que se toma unha decisión unánime no Parlamento galego e non se pode facer en Madrid, onde hai grandes poderes que din que está a ser explotada por unha multinacional que logra moitos beneficios. Esa é a principal contradición entre as forzas galegas e as de obediencia allea.

-Ence responde ó mesmo esquema? Pregúntolle porque hoxe está Mariano Rajoy en Pontevedra, logo de que o declarasen non grato no concello.

-É un exemplo paradigmático do espolio do noso país: riqueza que cotiza en Madrid e non está no PIB galego, condiciona o modelo forestal e o desenvolvemento urbano, contamina a ría... É un exemplo da corrupción da política madrileña, de como se toman acordos con gobernos en funcións e na rede de sumidoiros da política, con portas xiratorias e xente con moito poder económico que condiciona as decisión políticas en función dos seus intereses. É unha empresa que recibe 600.000 metros cadrados de dominio público de balde. Daremos a batalla política, legal e social para botala abaixo.

-Determinará o 26-X como chega Ana Pontón ás autonómicas de outubro onde será candidata a presidir a Xunta?

-Afrontaremos con garantía as autonómicas tras saír reforzados destas eleccións. A situación mellorou moito no BNG e o liderado de Pontón está conseguindo mobilizar a nosa militancia.

-Está en perigo manter grupo parlamentario na Cámara galega?

-Estamos na campaña das xerais. Sacaremos agora un bo resultado e logo outro nas galegas.

Compartir el artículo

stats