- Cantidato ao Parlamento galego despois de selo ao Congreso.

- Eu síntome plenamente satisfeito, realizado e feliz na política local porque me gusta, porque é de moita proximidade, porque permite facer cousas dunha maneira participada e que da moitas satisfacións, pero estamos nun momento no que o BNG decidíu que eu era a persoa que debía representar á organización nestes procesos electorais e como ademais síntome moi arroupado e moi apoiado por toda a nosa xente, pois asumo ese papel.

- É vostede o delfín de Lores?

- Son máis ben a sardiña (risas).

- É o que se podería deducir ante esta clara aposta do BNG por vostede como candidato.

- Eu sempre digo que en Pontevedra temos un gran equipo. É unha das claves do éxito do proceso político de Pontevedra. Temos, como tamén no caso de Galiza, un liderazgo moi visible e moi claro. Pero temos moitas persoas que poderían dar o paso de encabezar o futuro do BNG. Pero iso non está no debate porque temos Lores para rato, para moito tempo. Lores está no mellor momento da súa traxectoria política, nunca o vin tan convencido, tan animado, tan motivado e tan entusiasmado coa sua tarefa de alcalde e polo tanto ninguén pensa en que remate o seu ciclo porque ainda vai continuar bastante tempo. Tamén temos aí unha xeración de xente nova que terá que asumir ese papel en dez ou doce anos. Pero agora ningúen no BNG fala diso, non hai ese debate, e na rúa tampouco.