Dende o inicio desta carreira cara o 25-S este experto en Economía con experiencia académica e parlamentaria destaca a "confianza e a solvencia" do PSdeG para dirixir a batuta dun goberno entre as forzas de esquerdas se o PPdeG perde a maioría absoluta, que sería a terceira consecutiva. Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) ofrécese aos galegos e galegas como garante dun cambio "moderado, sen aventuras" para retomar o rumbo das "políticas sociais" en Galicia. "Onde gobernamos, hai estabilidade", apunta este noiés, que vive en Santiago, onde desenvolveu a súa carreira docente e política. Do bipartito aprendeu que é necesaria a unión para traballar en conxunto e nunha única dirección. Tamén lle quedou claro que hai que profundizar nas reformas para evitar o "desencanto" da xente que "quere que a situación mellore". Amante da lectura, do sendeirismo e do ciclismo, cando pase o 25-S ten o desexo de facer unha ruta en kayak e subir de novo, en bicicleta, ao Ézaro.

-Por que recomenda votar ao PSdeG nestas autonómicas?

-Porque é necesario un cambio en Galicia e nós somos quen mellor pode garantir ese cambio.

-Outras forzas, coma En Marea

-Sempre que houbo un cambio político en Galicia foi liderado polo Partido Socialista. Creo que lle ofrecemos a unha maioría da sociedade máis confianza para lideralo. Por unha parte, imos facer políticas alternativas ás do Partido Popular con servizos públicos, igualdade ou creación de emprego e, por outra parte, temos experiencia en concellos, diputacións e na comunidade autónoma. Sabemos como pasar das declaracións de intencións aos feitos.

-¿É posible un goberno entre varios sen tensións, como pregunta nesta campaña o PPdeG

-A fragmentación política que hai en España obriga a todos, tamén ao Partido Popular, a buscar alianzas; é normal. Nós gobernamos noutras comunidades, con estabilidade.

-Non tivo moitos meses para darse a coñecer como candidato. Ten a sensación estes días de ganar seguidores?

-Percibo máis apoio na rúa.Sei que ao final vai haber unha movilización intensa do electorado socialista.

-Confía en que En Marea

-Hai voto oculto; os votantes socialistas tenden a ser máis reservados nas súas intencións. Pasou en decembro e sobre todo en xuño. Creo que agora ocorre algo parecido e que imos ser quen de ter un resultado mellor do que auguran as enquisas.

-Lémbrolle que o partido da confluencia sorprendeu nas municipais.

-É que as expectativas do PP eran máis altas do que sucedeu. É posible que iso se repita agora.

-Se chega ese momento, saberán entenderse?

-Se nos outorgan a maioría absoluta sería estupendo. Se non é así teremos que entendernos coas forzas máis próximas dispostas a apoiar o núcleo do noso programa. Nós somos unha forza que dialoga, capaz de chegar a acordos e con experiencia de goberno. Así lideraremos o cambio.

-Non houbo 'roces', ata agora...

-Os temas de campaña están xirando sobre asuntos que nos interesan, sociais, sen introducir temas ideolóxicos. É un bo presaxio; estas bases poderían facilitar un acordo.

-¿Excluída da axenda a autodeterminación?

-E que non está na mesa, nunca estivo. Podo garantir que o Partido Socialista non vai estar nunca nese debate.

-O PPdeG

-Núñez Feijóo está nas antípodas do que nós representamos. O problema non é de intencións ou estratexias electorais; é un problema dos contidos das políticas e isto sitúanos frente ao PP. Nós somos unha alternativa con políticas contrarias, progresista, de esquerdas.

-Que medidas aplicaría de inmediato ao chegar ao goberno?

-Un plan de emprego para parados e mozos, con 100 millóns de euros ao ano para crear 10.000 empregos estables anuais; un programa de recuperación dos servizos públicos básicos durante 4 anos, con 1.500 profesionais sanitarios e 2.500 profesores máis e un plan contra a pobreza infantil para 40.000 familias.