O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, lanzou onte durante un reparto electoral en Pontevedra unha mensaxe de defensa do comercio local, das áreas comerciais urbanas e da importancia de recuperar os centros urbanos para dinamizar o comercio. O nacionalista salientou que eses elementos son unha liña central do discurso e da práctica de goberno do BNG que no caso de Pontevedra se leva feito con bos resultados ao longo destes anos.

"Defendemos o consumo no comercio local e dos produtos do país fronte ao modelo das grandes superficies que o que fan é espoliar o país e vir aquí a aproveitarse do consumo e da riqueza de aquí para levala fóra", afirmou o nacionalista. "Nós apostamos polo comercio de proximidade, polo comercio local e polos centros comerciais urbanos como este de Pontevedra que é un exemplo recoñecido en todo o mundo. Esa é unha das claves da marca BNG", subliñou.

Bará destacou, así mesmo, que nestes últimos días de campaña o BNG "poñerá o resto" para dar a coñecer o seu proxecto e insistir en que é a "chave" para un novo goberno en Galicia dado que hai varios deputados en disputa e que "na medida en que consigamos eses parlamentarios para o BNG o PP vai perder a maioría absoluta". "Hai moito voto indeciso aínda, e queremos apelar a toda a xente que quere a este país para que confíe nunha forza 100% galega como é o BNG", dijo.