-Faga un balance da xestión de Feijóo, que é o peor?

-Deixa unha Galiza máis pobre, máis desigual e tocada na súa autoestima porque agrediu o que máis nos une que é o feito de termos unha lingua propia e iso é moi grave. Para min representa un presidente que ten demasiadas zonas de sombra. É o presidente que se paseaba pola ría no barco dun narcotraficante, o que era amigo dun dos conseguidores nunha das tramas de corrupción polo fraude dos cursos de formación. Os galegos merecemos algo mellor, unha presidenta que diga a verdade e estea disposta a defender Galiza.

-Algo bo tamén faría.

-Teño que recoñecerlle que propaganda e publicidade. Aí é o campión. Creo que nos grandes temas deste país estivo sempre ausente.

-Se chegase ao goberno, derrogaría o decreto do galego nas aulas?

-Se temos a confianza dos galegos, daríamos unha oportunidade para que a lingua galega non estea marxinada no noso país. Ese é un decreto que prohibe que se utilice o galego en determinadas materias, algo que non pasaba desde o franquismo, e que ademais incumpre o que asinaramos todos no Parlamento galego, porque decidiramos que era importante que o galego fora lingua vehicular no ensino, que houbera un maior apoio. E fíxose no 2004, cun goberno de Manuel Fraga. O que fixo o señor Feijóo nada máis chegar, e cumprindo ordes de Madrid, foi utilizala como un arma contra o goberno. Creo que se equivocou e se segue equivocando nesa política antigalega. Nós queremos devolverlle cordialidade e que os galegos que sinten que a lingua galega é importante e que cren que é un dos maiores patrimonios do país teñan garantido que ningunha persoa se vai sentir discriminada por usalo. É un reto no que a maioría dos galegos vamos ir da man.