Xosé Manuel Beiras acumula seis mitins con Luís Villares, o cabeza de cartel de En Marea, en cuxo paso adiante o propio Beiras interveu na primaveira, malia ocultar entón que non ía ser candidato. Fala por primeira vez desde as páxinas de FARO trala constitución do novo partido instrumental no que se diluíu Podemos.

-Como vai a campaña?

-É moi evidente que o escenario é moi diferente de terse producido tras o 20-D o cambio de maiorías con PSOE e Podemos. Ou no 26-X. De ser así, o 25-S sería unha oportunidade histórica para derrubar o PP porque boa parte do seu voto, ademais do ideolóxico e desinformado, é o voto ao poder. Como non foi así, os dados están no aire. Se se produce certo efecto bola de neve de En Marea, o lóxico é que Núñez non poida gobernar porque non ten aliados. Percibo un rebrote da ilusión do outono e que se perdeu na repetición das eleccións, en boa parte por erros nosos. Iso pode dar lugar a que En Marea non supere ao PP, pero lidere a oposición. Se o BNG mantén certos resultados e o PSdeG con Leiceaga consegue manter resultados bos, haberá cambio.

-O fracaso en Madrid debilita a alternativa da esquerda?

-O 20-D o PP, o Partido Podre, perdeu as eleccións e todo dependía de que o PSOE respondese á expresión da cidadanía e establecese un acordo á esquerda ou fixese o que fixo: someterse ás presións da UE. O resto son factores menos relevantes. En Marea tiña o risco de aparecer como sucursal de Podemos, e aí destaca a coherencia da asamblea de Vigo e a decisión de constituír un partido instrumental, sen facer unha coalición como quería Podemos Galicia, que foi un factor de distorsión...

-Só Podemos Galicia?

-Sábelo ben.

-Carolina Bescansa e Pablo Echenique chegaron a Galicia a apoiar que se asinase unha coalición. Son a cúpula estatal.

-Madrid foi quen resolveu o asunto cando Pablo Iglesias dixo que había que integrarse en En Marea cando estaban rotas as negociacións e non ir en coalición. E ese mesmo día, el envioulles unha mensaxe aos negociadores de Podemos de aquí: se Podemos se presentaba pola súa conta ás galegas, el non estaba disposto a facer campaña nin contra Xulio Ferreiro nin contra Beiras. Se digo Podemos Galicia é porque participou nas mareas municipais. Se chega a manter esa posición e non fose correa de transmisión dos cambios da dirección a nivel de Estado, non tería habido problema. Pero o sector máis centralista da súa dirección é o que vén aquí para seguir sostendo que Podemos ten que aparecer como tal e se non, irían sós. Incluso celebraban primarias, o que é unha distorsión absoluta. Pero quedou claro que En Marea non é sucursal de Podemos.

-Con ese acordo, pecháronse as feridas persoais e políticas que houbo con Podemos, que tamén ralentizou incluso a presentación de Villares, que ademaís padece gran descoñecemento? Como garante que non haberá escisións como en AGE?

-Porque AGE era unha coalición e isto é un partido. O problema de Villares de non ser coñecido non precisa explicación, pero que tardase en ser candidato non foi por iso.

-Por que foi?

-Sábelo ben. Teño a impresión de que preguntades ás veces o que sabedes.

-E eu de que non responde todo o que sabe.

-O Beiras político foi mitificado e eu percibíao durante os últimos meses, con toda a xente que me pedía ser candidato. Estaba convencido de que Beiras tiña un talismán e que se chegaba á Xunta cambiaría todo e eu sabía que non era así.

--Tamén sabía que non ía ser candidato e non o dicía...

-Era consciente da miña idade, pero non había un recambio que tivese talento, identificado co proxecto de En Marea e con cultura de esquerda e nacionalismo e asumible polos distintos sectores. Mentres non se logrou non podiamos destapar cartas. Ademais, é maxistrado cunha traxectoria na que tentou dictar sentenzas xustas. Cando Núñez dixo na TVG que Villares foi posto polo dedo dun alcalde sabía que era mentira. E en todo casi serían tres (ri). O proceso de diálogo con Villares viña desde a primaveira e eu estaba nel. É a primeira vez que o digo. Foi un dos motivos polo que mareaba a perdiz cando me preguntabades. Non foi polo problema de Podemos.

-O PP diralles de novo que é unha candidatura cociñada...

-Pero onde fixo primarias o PP? Que carallo ven dicir Feijóo? Un tipo dun partido que actúa como o franquismo sen Franco, que é fascismo... Villares foi sometido a votación e tivo o 85% de votos nun censo de 10.000 persoas, a pesares de que había xente en Podemos que non estaba dacordo. Non podíamos lanzar unha persoa a pelo. Somos suicidas ou imbéciles? Se me presentaba eu ninguén ía dicir que non. E Villares puña condicións.

-Como ser candidato dun partido e non dunha condición.

-Si, e que a alternativa fose nacional e da esquerda sobre as bases de xustiza social e democracia.

-Por que na primeira semana non compartiu mitin Villares con Noriega ou Ferreiro para paliar o seu baixo coñecemento?

-É cuestión de deseño de campaña na que non vou entrar.

-Os alcaldes de Santiago, Ferrol e A Coruña laiáronse dos corsés legais para aprobar as políticas que desexan. Que grao de resistencia agarda para En Marea

-Villares coñece perfectamente a administración porque no TSXG levaba o contencioso. Todo o que estea dentro do marco do Estatuto vai poder facelo. O problema é o que non está. Por exemplo, comprométese a facer o posible para que a Xunta entre no consello das empresas públicas con factorías en Galicia: iso está no Estatuto.

-Villares puña de exemplo de cambio Ferrol, onde a coalición co PSOE estivo a piques de rachar. Como garante que non pase o mesmo na Xunta?

-Leiceaga non é Romeu. Como cambiou a actitude do PSOE nas grandes cidades desde que deixou de ser secretario xeral Besteiro?

-Están tecendo o pacto?

-Leiceaga é unha persoa preparada, de esquerdas e galeguista. Sabe que é necesario reconstruír o país en clave progresista con alianzas e que o inimigo é o PP. Se o aprende o BNG, pode que o problema estea resolto.

-Por que atacou a Ana Pontón

-Non a critiquei. Fixen fincapé en que Villares é o primeiro candidato que opta por unha provincia das "menores" en lugar da Coruña.

-Como quería el nun principio.

-Non, barallaba dúas posibilidades. Dependía das primarias de En Marea. En Pontevedra saíu a secretaria xeral de Podemos Galicia; se chega a saír tamén alguén deles na Coruña ía ser usado para dicir que copaban En Marea. Se iso podía ser así, Villares ía pola Coruña. Cando se ve que pode ser Antón Sánchez, vai por Lugo.

-Se En Marea

-Non.

-Feijóo molestouse porque vostede dixo que o seu fillo era "un xoguete".

-Fixen unha broma, citando Os vellos non deben namorarse de Castelao. De todas maneiras, presento desculpas se puiden ofender. E pono. Nunca usei a vida privada dos políticos, como non fose a súa relación con narcotraficantes. Iso pono tamén.

-Arrepíntese de ter batido no seu escano?

-Non. Estou satisfeito de non terlle batido nos fuciños.