A Consellería de Economía e Industria achegou ás empresas galegas as posibilidades de negocio e alianza comercial que ofrece o mercado de Eslovaquia, nun encontro desenvolvido no Igape que contou coa participación do conselleiro económico e comercial da Embaixada de Eslovaquia en España e dunha representante de Sario, a axencia eslovaca para o desenvolvemento dos investimentos e o comercio.

Representantes do Igape e da axencia Sario intercambiaron información sobre os seus respectivos apoios e servizos para a promoción da actividade económica e avaliaron as posibilidades de colaboración futura para apoiar a actividade das empresas, as posibles alianzas e investimentos cruzados. Neste sentido, trabállase no desenvolvemento dun protocolo de colaboración entre as dúas axencias.

O director do Igape, Javier Aguilera, participou no encontro, desenvolvido na sede do Instituto, e salientou a importancia estratéxica que ten a internacionalización das empresas galegas para a Xunta. Aguilera subliñou a importancia dos servizos e apoios habilitados para promover a captación de novos investimentos cara a Comunidade Autónoma e destacou igualmente os servizos e apoios que o Goberno galego ofrece para facilitar a implantación comercial das empresas galegas no exterior.

Xunto con representantes de empresas galegas de sectores como o metal, TIC, pesca, automoción ou construción, no encontro participou unha directiva do Grupo Cortizo, sociedade galega implantada en Eslovaquia desde hai anos, que explicou a súa experiencia, así como as facilidades que atopou no proceso e as fortalezas dese mercado para facer negocios ou acceder a outros mercados europeos.

Ademais, os responsables do Igape explicaron os servizos e apoios que achega o Instituto para facilitar a internacionalización das empresas galegas cara a outros mercados, entre os que Eslovaquia, aparece como territorio de interese polo seu potencial de crecemento.