A Consellería de Economía e Industria destina 4,8 millóns de euros a financiar as axudas para facilitar a incorporación da innovación aos procesos e produtos das pemes galegas, de acordo coa convocatoria do programa Innoempresa que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia. O obxectivo deste programa é facilitar o financiamento de iniciativas empresariais orientadas á mellora da competitividade empresarial a través do incremento da capacidade innovadora das pemes.

Co Programa Innoempresa, a Xunta de Galicia, por medio do Igape, leva apoiada a innovación empresarial, no que vai de lexislatura, en máis de 3.000 pemes facilitando a mobilización de investimentos por 40 millóns. O balance de 2011 foi especialmente positivo, ao sumar 1.320 empresas apoiadas, en boa medida grazas aos proxectos colectivos.

As axudas reguladas polo programa Innoempresa para 2012, cofinanciado con fondos Feder a través do Goberno do Estado, veñen a cubrir as necesidades de apoio a pequenas e medianas empresas no ámbito da innovación, tanto no que se refire á elaboración de novos produtos como á posta en marcha de novos procesos dentro dunha empresa, ou na incorporación de cambios e melloras. O prazo para a presentación de solicitudes polas empresas interesadas será dun mes, a contar desde mañá.

Como unha das principais novidades, na regulación do programa Innoempresa increméntase este ano o baremo de avaliación para primar os proxectos que se comprometan á creación de emprego, especialmente nos colectivos de máis difícil acceso ao mercado laboral e continúanse a valorar de xeito especial os proxectos localizados nas provincias de Lugo e Ourense e nos concellos de Ferrolterra e Costa da Morte, que teñen maiores posibilidades de acceder aos apoios.

Ademais, para calcular a porcentaxe de subvención valorarase especialmente este ano un maior grao de innovación, eficacia e impacto; inclúense igualmente modificacións salientables encamiñadas a actualizar as axudas á innovación en áreas coma a liña para a adopción de novos modelos empresariais innovadores.

O Programa Innoempresa, xestionado pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, inclúe medidas dirixidas a incrementar a capacidade innovadora das pequenas e medianas empresas –especialmente aquelas que teñan vocación de crecemento e capacidade de xerar innovación- como medio para aumentar a súa competitividade; outros dos seus obxectivos son os de contribuír ao crecemento sostible e, en consecuencia, favorecer o emprego e a xeración de riqueza.

O plan desenvólvese a través de tres liñas básicas de actuación: Innovación organizativa e xestión avanzada; Innovación tecnolóxica e calidade; e Proxectos de innovación en colaboración. Os proxectos de innovación en colaboración gozan de prioridade absoluta fronte aos proxectos individuais das pemes e acadan ás máximas intensidades de axuda do programa. As tres liñas están baseadas na utilización de instrumentos e procedementos de xestión xa contrastados para impulsar a promoción da competitividade das pemes mediante a innovación.

A Consellería de Economía e Industria considera de importancia estratéxica as iniciativas e os proxectos que promoven a innovación aberta nas pemes, como vía preferente para asegurar o mantemento das súas vantaxes competitivas a medio e longo prazo. Iso é o que se procura a través do programa Innoempresa, promovendo e apoiando, ao mesmo tempo, a cooperación entre sociedades.