A Consellería de Economía e Industria está a pór en marcha unha nova liña de avais, para facilitar o financiamento das operacións de exportación das pemes galegas por importe de 10 millóns, segundo anunciou hoxe o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, durante a presentación do programa re-Export.

Guerra salientou que o programa re-Export, que achegará avais do 50% para facilitar as operacións de exportación das pemes galegas, está chamado a "pechar o circulo dos apoios e servizos do Igape á internacionalización das empresas". Un círculo que, segundo o conselleiro de Economía e Industria, "comeza cos diagnósticos gratuítos que acaba de pór en marcha a Consellería, co programa re-Acciona, e remata cando a empresa logre financiar e cobrar as exportacións dos seus produtos, grazas ao re-Export".

Javier Guerra lembrou que o impulso á internacionalización constitúe un dos obxectivos estratéxicos da política económica do Goberno galego e salientou que, "a través do Igape, se está a traballar neste eido, dando resposta ás necesidades dos empresarios galegos" en cada unha das etapas a seguir: a valoración de oportunidades, a toma de decisións, o servizo en orixe e destino e as axudas e apoios financeiros.

O programa re-Export pon en valor a importancia da colaboración e implicación das entidades financeiras e está destinado a impulsar as exportacións das pemes de calquera actividade produtiva, facilitando o acceso ao financiamento operativo, tanto para iniciar como para ampliar e consolidar a actividade exportadora. As operacións avaladas polo programa re-Export oscilarán entre os 80.000 e os 250.000 euros.

Os avais concedidos polo Igape, ao abeiro do novo programa, poderán garantir operacións de financiamento de materias primas para a fabricación dos produtos a exportar e de gastos derivados dos procesos de envasado e preparación para o envío ao exterior; do mesmo xeito as axudas facilitarán o cobro anticipado dos importes das exportacións contratadas e materializadas.

O conselleiro de Economía e Industria destacou que o programa re-Export completa a oferta de apoios á internacionalización do Igape, que concedeu nesta lexislatura máis de 27 millóns de euros en axudas directas para respaldar máis de 2.500 proxectos e mobilizar investimentos que superaron os 52 millóns de euros. Segundo lembrou Guerra, "temos multiplicado por catro, con respecto ao final de pasada lexislatura, os recursos dedicados, cada ano, á internacionalización das pemes galegas".

Axudas 2012

Neste sentido, cómpre lembrar que a Consellería vén de convocar a través do Igape seis programas de axudas á internacionalización dotados con 12,5 millóns de euros e que inclúen desde apoios para a contratación de xestores de exportación ata axudas para primeiras implantacións promocionais no exterior, entre outros. A estas axudas súmanse agora os avais do programa re-Export, para que o empresario que dispoña dun bo produto para competir no exterior non deixe de facelo por falta de financiamento.