A relación da Asociación Galega de Mariscadoras e Mariscadores coa Consellería do Mar durante o ano pasado estivo pragada de conflictos. A organización profesional entende que a xestión do marisqueo realizada pola Xunta non está a ser a correcta e reclama un maior apoio administrativo. Denuncia que moitas familias están a pasar dificultades polo impago das cotas da Seguridade Social das mariscadoras e acusa ás confrarías de actuar "con prepotencia, sen cumprir as normas, grazas á complicidade da Consellería do Mar".

O sector marisqueiro galego suma xa varios anos con caídas no emprego e a maioría dos profesionais son de avanzada idade pola falta de relevo xeracional. A presidenta da Asociación Galega de Mariscadoras e Mariscadores (Agamar), Natalia Laiño, asegura que a xestión da Consellería do Mar desta actividade está a ser "deficiente".

–Como definiría o ano que rematou para o sector marisqueiro galego?

–Foi realmente complicado porque estamos nunha época de crise e o marisqueo non queda á marxe. O marisco non é un producto de primeira necesidade, como a carne ou o peixe, e a xente prívase máis de mercalo. Baixa a demanda e con ela os prezos. Non se perdeu moito emprego pero a rendabilidade caeu. Antes os salarios eran máis altos.

–Supoño que en actividades vinculadas tamén houbo pérdidas de emprego...

–Si, coa crise houbo comercializadores que crebaron e algúns mariscadores quedaron sen cobrar. Había que crear un fondo de garantía de cobro para as lonxas co obxectivo de que os profesionais teñan garantidos os seus ingresos, que non queden sen cobrar polo seu traballo.

–Foi a crise o principal problema do sector?

–Non, houbo varias frontes. A contaminación das rías é patente e a solución pasa pola depuración e non polas subvencións. A xestión das confrarías e da Consellería do Mar non é a axeitada e estamos producindo a un 10% da nosa capacidade. Este é un dos sectores primarios máis importantes, xunto co mexillón, e hai que potencialo.

–Retiráronse moitas das axudas por traballos de rexeneración das rías e a Xunta aposta, como alternativa para xerar emprego, polas bateas depuradoras de marisco contaminado. Que lle parece a medida?

–Cremos que é mentira que as bateas xeren emprego, todo o contrario, xeran gasto. Hai que extraer o marisco e, en vez de levalo á lonxa, trasladalo á batea, o que ten un custo, e despois recollelo. Tamén fai falla saber se os quilos que retiraches da praia son os mesmos que vas vender en lonxa. Os postos de traballo pasan polo saneamento integral das rías en non por pór un parche máis. Estamos cansos de parches.

–Outro dos avances logrados para aumentar a actividade marisqueira foi a aprobación de Bruselas da rebaixa da talla mínima da ameixa. Como cre que afectará ao sector?

–Hai zonas nas que os profesionais demandaron rebaixas porque a ameixa ten dificultades para medrar e nunca se podería comercializar. Para estes casos é positivo pero naqueles lugares onde se alcanzaba a talla sen problemas non é bo extraer molusco máis pequeno.

–En 2011 houbo moitos conflictos coa Consellería do Mar. Entende Agamar que non está comprometida co marisqueo?

–Polo que nos ten demostrado, non. A xestión da conselleira do Mar —Rosa Quintana— non está sendo a axeitada. Dende a retirada do seguro colectivo de mariscadores e mariscadoras ata a eliminación das prestacións do subsidio para que profesionais de máis de 65 anos completen a cotización e cheguen a cobrar unha pensión, pasando polos incumprimentos no pago dos seguros das mariscadoras, que levan sen cobrar dende maio. Deben adiantar un diñeiro que non teñen e semella que ata os orzamentos deste ano non se van facer os pagos.

–Supoño que, coa crise, haberá casos dramáticos.

–Son centos de familias, non de persoas, que están nunha situación difícil. Hai casos nos que o marido está no paro ou ten unha pensión de 600 euros e ten que destinar 300 para o seguro da muller, co que lle quedan só 300 euros para vivir. Se ese diñeiro o recuperas ao mes seguinte, non hai problema, pero se botas de maio a decembro sen cobrar, a situación vólvese insostible. É xente que o está a pasar moi mal.

–E cre que a Xunta ainda vai tardar en pagarlles?

–Supostamente o ano pasado sacouse unha orde que cubría os pagos de xaneiro a outubro, e en outubro tería que facer unha ampliación ata decembro. Para os 10 primeiros meses había orzamento, pero pagou só ata maio. Supoñemos que gastou o diñeiro noutras cousas.

–En 2011 Agamar tamén criticou a xestión das confrarías...

–Si, están actuando con certa prepotencia, sen cumprir as normas, e a Consellería do Mar está sendo cómplice desas malas accións. Os pósitos están para apoiar aos seus representados e non para machacalos e abusar do seu poder, como ocorre nalgúns casos. Hai responsables das confrarías que cometen máis infraccións que os propios mariñeiros e mariscadores.

–Que lle piden as mariscadoras galegas ao novo presidente do Goberno, Mariano Rajoy?

–Que aplique políticas sociais para os sectores máis debilitados: o marisqueo e a pesca. Son actividades ás que hai que apoiar en épocas de crise porque xeran emprego no entorno. O marisqueo e a pesca están a evitar que os efectos da crise en Galicia sexan maiores.