A empresa Mar de Silleiro, con sede na localidade pontevedresa de Baiona, presentou hoxe os seus produtos elaborados con percebes presentados en conserva e en paté. Na presentación das catro liñas de produto deste proxecto, a directora do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), Paloma Rueda, destacou a implicación deste organismo investigador co proxecto e mostrou o seu "apoio" á empresa, integrada por percebeiros de Baiona e A Guarda.

Rueda subliñou que Mar de Silleiro revalorizase" o percebe "con escaso valor comercial" para facer diso un produto para o consumo despois de ser sometido a un tratamento e procesamento. Unha das responsábeis da empresa, Susana González, explicou que está constituída por 27 percebeiros en busca de "novas oportunidades" para "revalorizar" o produto, que cualificou de "excepcional".

Os percebeiros recollen o produto e a conserveira Antonio Pérez Lafuente encárgase do procesamento, segundo Rueda, quen apuntou a súa preocupación por "unha pesca responsábel e sustentábel" para que o seu traballo sexa "unha profesión de futuro".

Un dos administradores de Mar de Silleiro, Miguel Verea, comentou que o lema da compañía é 'conservando o mar' e remarcou a importancia de "aproveitar un recurso que non era aproveitábel" até agora.

Verea sinalou que é este un percebe de "tipoloxía alongada" que inicialmente se tiraba ao mar mais, ao ocupar rochas que antes estaban colonizadas pola variedade de percebe máis comercial, procederon a analizar a forma de o converter nunha" oportunidade" de negocio en colaboración con diversos organismos.

A empresa comercializará baixo a marca "27 percebeiros" catro produtos que inclúen percebes ao natural con ou sen unlla e paté de percebe con ou sen algas.

Así mesmo, ofrecerán na Internet unha tenda virtual que a partir da próxima semana procederá a comercializar eses produtos na rede.

A empresa espera elaborar uns 25.000 botes de conserva durante o primeiro ano a prezos de 9 euros por un bote con 125 gramos de percebe con algas ou de 20 euros por percebe ao natural con unlla en envase de cristal con 170 gramos netos.