Somos un grupo de pais que co paso dos anos nos fomos dando conta de que unha das mellores formas de conseguir que os nosos fillos puidesen practicar deporte, independentemente das súas capacidades, era uníndonos. Nós dispuñamos do material humano e coa axuda duns cantos directores de centros públicos, que souberon ver nesa actividade extraescolar algo máis, puidemos contar con algo tan imprescindible como son unhas instalacións deportivas sen ningún tipo de custo.

Algo de bo tiña que ter esa comunión entre pais e profesores, cando levamos máis de 20 anos nesa sintonía e a maiores consideramos o feito de que esta unión nos vén situando estes últimos anos entre os tres primeiros clubes en altas federativas de baloncesto a nivel galego.

Cal foi a nosa sorpresa cando despois de tantos anos, de súpeto xurde un novo director no IES As Lagoas que antepón os seus propios intereses (non sabemos realmente cales) a facilitarlle a eses rapaces o acceso ás instalacións de xeito gratuito, como o veñen facendo outros centros, e incluso o dito IES co seu equipo directivo anterior, dende hai máis de 20 anos.

Uns rapaces en idade escolar que o único que queren é realizar deporte dentro dunha simple actividade extraescolar e un director que representa a un grupo de persoas que un día se conxuraron para, supostamente dentro dunha preocupacion pola saúde da nosa xuventude, axudarlles a loitar contra a obesidade, a inculcarlles a vida sá dentro dunha boa alimentación e, como non, o deporte.

Pero polo visto, para este director todos estes bos propósitos non lle interesan. Incluso cando dende a Asociación de Nais e Pais (ANPA)_do seu propio instituto se lle chegou a ofertar a posibilidade de sufragarlle a cambio o gasto en material que puidese necesitar o centro, esa persoa non admitiu outra cousa que non fose diñeiro.

Que pena! Tanto querer poñernos ó mesmo nivel que o resto de Europa, pero á hora da verdade seguimos deixando moito que desexar.