Lémbrome da primeira vez que fun adestrar cos abellóns. Ía un pouco a probar, pero xa notaba que "andar a cotar" non se me daba mal, como... que me saía innato. Tamén me lembro da primeira vez que vestín a camiseta roxinegra co abellón. Saín de segunda liña " tarefa para hoxe: nas melés empurra, en xogo aberto con balón tira p'adiante e en defensa que non pasen, mellor se se erguen mareados".

Cando chegou a primeira melé só tiña que facer o adestrado, víñame a cabeza o importante: un agarre forte e unha posición de entrada baixa, despois empurrar...doado. Total, que vamos co agarre e achégome ao meu compañeiro de segunda liña. Era grande, non tanto coma min, pero aparentaba moito xa que daquelas levaba o pelo ao estilo afro, por non dicir que había uns meses que non o cortaba nin o peiteaba a miúdo. De peso.. . Digamos que estaba ben mantido. Con falta de confianza o ser novato intento buscala súa aprobación... Nada, pero debímolo facer ben por que fomos para adiante. Coido lembrar que as miñas primeira palabras con el non chegaron ata a miña segunda temporada.

Juan Folla Balseiros é un homede poucas palabras pero iso non impediu que me ensinara. Sempre o fixo da mellor maneira, con actos e no campo. Ademais non se lle daba mal a isto do rugbi. Baixo a súa capitanía o equipo alcanzou o máximo nivel ata chegar a xogar unha final de copa Xunta. Nel encárnanse os valores morais, deportivos e de liderazgo que o converte nun dos xogadores de referencia no rugbi galego. Sinto que o vestiario quede agora un pouco orfo.

Para min foi algo máis que un compañeiro de equipo. Con el compartín máis aló que o xogo do oval, boas aventuras e unhas cantas confidencias. Polo que o coñezo, entendo que deixará de ter unha participación máis relevante no equipo e unha menor no clube para ter unha colaboración máis dedicada ao clube e menos ao equipo sénior. Toda unha referencia e por enriba Abellón.

Xa sexa nunha praia, nun campo de xogo ou nun anaco de herba, namentres haxa un balón ovalado , xogaremos ao rugbi.

Grazas por compartir tanto. Espero voltar a encontrarnos de novo no clube abellón.

*Ex xogador do Coreti Rugbi Lalín, do Blusens Vigo e da Selección Española de Rugby.