fútbol - selección galega

A unión galega nace en Riazor

Os afeccionados, que amosaron 'estreleiras', gozaron da festa do fútbol de seu animando a todos os xogadores independentemente do seu clube de procedencia

21.05.2016 | 04:55
Cerimonia, himno, adestradores, seareiros e palco, onte en Riazor. // J. Roller/13fotos

Da unión nace a forza. Onte en Riazor viuse unha afección moi entregada e ilusionada por un partido cargado de emocións. Non importaron as cores dos clubes de cada xogador, o único obxectivo era animar a Galicia. Moitos dos presentes nunca viran a selección galega sobre o céspede, polo que esta ocasión ben merecía unha festa.

Comezou, coma sempre, nas rúas. Dende manifestacións a prol da independencia así como conversas entre galegos e venezolanos na rúa Manuel Murguía. A proba de que non existían rivais. A vinotinto espertou euforia na Coruña. Moitos emigrantes, coa morriña presente, sentíronse un pouco máis preto da casa ao ver a súa selección.

Tampouco faltaron os altos cargos no palco de Riazor. Dende o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo -quen recibiu críticas da grada-, até os deportivistas Tino Fernández e Víctor Sánchez del Amo. O Celta enviou a Rosendo, Oubiña e Rodilla. Todos unidos polo fútbol galego, como ben dicía o lema do partido. Ademáis de gozar e emocionarse cos himnos interpretados por Rosa Cedrón no campo antes de comezar, moitos levantaron os seus móbiles para inmortalizar un momento único.

Aproveitou o público, lucindo as estreleiras, para mandar mensaxes. "Español o que non bote" ou "independencia" foron algúns dos cánticos que puideron escoitarse durante o xogo. Aínda que ao ser unha festa non faltou o Miudiño. E ninguén dubidou en unirse. Igual que cando o speaker cantou o gol de Iago Aspas. Non importou entón a rivalidade entre Deportivo y Celta, os afeccionados aplaudiron con fervor e gritaron o seu nome. O abrazo entre Aspas e Lucas resume á perfección o encontro.

Nun día tan especial para Galicia, o fútbol gaélico tamén quería deixar a súa pegada en Riazor e formar parte dunha cita histórica. Por iso, no descanso do partido, as seleccións galegas tanto feminina como masculina ensinaron ao público unha pequena parte do seu traballo cunha exhibición. Hoxe celebrarase un encontro amistoso en Sada contra un combinado irlandés, por se alguén quedou con ganas de seguir descubrindo esta modalidade.

Para rematar cun venres diferente, o estadio enteiro levantouse para facer a onda. Sinal de ledicia. Moita. O que pediron tamén os seareiros é que a selección galega continúe e que vela xogar non sexa algo extraordinario. Galicia meréceo e onte demostrou no campo que ten moitísimo que amosar. A festa do fútbol galego foi, en definitiva, un gran espectáculo.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Buscador de deportes

Enlaces recomendados: Premios Cine