A Romaría Celtista en Lalín inclúe un festival de rock

Tamén haberá xantar e unha exposición

08.05.2016 | 02:06
Os presidentes de Merlegos e Siareiros Dezaos, na primeira edición.

Siareiros Dezaos toma o relevo de Merlegos Celestes e organiza en Lalín os días 10 e 11 de xuño a II Romaría Celtista, que pretende ser unha festa itinerante organizada polas diferentes peñas do Real Club Celta de Vigo. A cita deste ano incluirá un xantar de confraternidade, un festival de rock con catro grupos e unha mostra histórica. A organización confía en rebasar con moito os douscentos afeccionados que se xuntaron na primera edición, celebrada en xuño do ano pasado no Campo da Almáciga, en Santiago de Compostela.

Os actos arrincarán o venres 10 de xuño coa inauguración dunha exposición do RC Celta de Vigo a través dos seus 93 anos de historia. Quen desexe coñecer máis sobre a historia do clube celeste poderá achegarse ata o consistorio de Lalín a partir das 20:00 horas desa xornada.

Ao día seguinte, sábado 11, no mesmo edificio terá lugar unha recepción oficial por parte dos representantes institucionais do Concello de Lalín coa presenza de diretivos do Celta e xogadores do seu primeiro equipo. Será ao mediodía e, de seguido, farase un recibimento oficial a todos los siareiros reunidos na Praza de Galicia, diante da propia sede municipal.

Os participantes desprazaranse logo ao Campo da Feira Vello, onde se celebrarán as actividades principais durante o resto da xornada. A Banda da Tasca animará a sesión vermú pasada a unha da tarde e, contra as 14:30 horas, dará comezo o xantar de confraternidade entre os celtistas presentes, amenizado polo grupo de gaitas Bico da Balouta, de Agolada. Non faltará animación musical nin tampouco infantil desde media tarde.

A Romaría Rock poñerá fin á unha xornada de exaltación celtista no mesmo Campo da Feira Vello a partir das 22:30 horas. Neste festival tomarán parte os grupos Keltoi e Dakidarría, procedentes de Vigo e do Val Miñor, respectivamente, e de declarada simpatía polo clube de fútbol da cidade olívica. Canda eles subirán ao escenario as formacións lalinenses Tiro Na Testa e Última Sacudida. O recinto de actividades estará totalmente cuberto.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Buscador de deportes

Enlaces recomendados: Premios Cine