campo do fragoso

Celta xeneroso

18.04.2016 | 04:08

Os empates recentes co Deportivo e co Betis en Balaídos demostran que acadar o quinto posto non vai ser un camiño de rosas para o Celta de Berizzo. A exhibición celeste de xenerosidade e voracidade atacante en ambos os dous partidos, nalgúns momentos transformada en precipitación e ansiedade diante da portaría rival, noutros en desorde e inferioridade defensiva na propia, non abondou para gañar a dous equipos que tamén precisaban puntuar. Cómpre recoñecer que en ambas as dúas noitiñas o Celta careceu das doses de equilibrio e acougo nos momentos decisivos coas que acadou a clara vitoria do Molinón.

Diante do Betis aos de Berizzo abondáronlles cinco minutos para abrir todo o seu catálogo de xogo ofensivo. Foi o tempo que tardou John Guidetti en enviar unha taconazo de moitos quilates ao pao, tras unha parede anterior dentro da área de Nolito e Planas que centrou tras percorrer toda a banda. O Celta arriscaba presionando con intensidade e moitos efectivos na liña de dous terzos, situando moi adiantados aos dous laterais, o que facilitaba as recuperacións no territorio bético. Así chegaron outras dúas ocasións para o noso internacional sueco, en centros de Beauvue e Planas, que chegaba con moita facilidade á liña de fondo.

Xaora, a partir do cuarto de hora inicial, o Betis espertou devagariño, aproveitando instantes de confusión do centro do campo galego, onde frouxeaba Wass (lesionado no nocello dende o inicio) e o poeta Orellana non collera aínda o seu punto de caneo. Así chegou o gol bético, tras unha internada na área do antipático (e periogoso) Rubén Castro, a quen os celestes non souberon defender coa contundencia que un xogador das súas características require. Montoya aproveitou un rexeite frouxo de Cabral e dende a liña de fondo da área pequena enviou o pase da morte para que N'Diaye marcase. Unha xogada moi mal defendida que case derrubou aos nosos. O Celta sen o control da bóla sufriu durante os vinte minutos que restaron até a reanudación. O veterano Joaquín puido liquidar o partido nunha xogada individual na que enviou o balón ao pao longo, imitando a acción preferida de Nolito. Con todo, o Celta tamén tivo a súa oportunidade de ouro nunha galopada de Beauvue, antes de caer gravemente lesionado, que centrou en carreira para que Nolito cabezase dende o punto de penalti. Mágoa que Orellana a porta baleira non aproveitase o rexeite no chan do afortunado gardarredes andaluz.

Coa entrada na lameira de Aspas e Marcelo Díaz, que substituíron a Wass e Beauvue lesionados, o Celta desenvolveu unha heroica estratexia de asedio, asumindo os riscos de deixar espazos baleiros polas bandas, sobre todo na cobertura dos numerosos saques de recanto. Foron corenta e cinco minutos emocionantes onde o gol axexou ambas as dúas portarías. Os béticos tiveron grandes ocasións. Case no inicio, Rubén Castro puido sentenciar o marcador nunha longa carreira en solitario finalizada cunha vaselina que quedou longa só uns centímetros. Pouco despois, o noso porteiro evitou in extremis un precioso gol olímpico dun Joaquín inspiradísimo. Como Cabral defendeu na mesma liña de gol un remate de Rubén Castro, cando o porteiro céltico xa estaba superado. Outro tanto sucedeu na outra área, onde baixo a batuta de Marcelo Díaz as chegadas celestes eran continuas. Coa mellor xogada de Nolito chegou o gol anulado (inxustamente) a Guidetti, o que aumentou a frustración da bancada cunha arbitraxe ruín que facilitou as continuas interrupcións do xogo provocadas polos visitantes. A entrada nos minutos finais de Tucu Hernández achegou decontado a dose de claridade que até entón faltara nos celestes. O seu gol magnífico, froito dun soberbio pexegazo ao pao corpo, tras un servizo maxistral de Jonny, fixeron xustiza ao esforzo xeneroso dos nosos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Buscador de deportes

Enlaces recomendados: Premios Cine