campo do fragoso

Empatazo

03.03.2016 | 02:19
Orellana trata de superar a Rukavina. // José Lores

O partidazo do serán de onte na lameiriña de Balaídos entre o Celta de Berizzo e o Vilarreal de Marcelino, ambos os dous adestradores de conviccións profundas, foi unha loita moi fermosa e igualada entre dúas formas de entender o xogo combinativo, a da afouteza e intensidade celeste fronte a disciplina táctica do submariño amarelo, a dun cadro que asume todos os riscos de ir cara adiante e a doutro que agarda a súa oportunidade para responder en idéntica medida. Unha loita emocionante, coa táboa de marcas sempre incerta, con puxilatos individuais aquí e acolá, onde abondou xenerosidade no esforzo de dous equipos que enfrontan o último cuarto da liga co obxectivo de consolidar a súa posición nas prazas europeas.

Superando os corenta puntos, consolidada xa a permanencia matemática, Berizzo saíu cos seus dous tridentes. No de ataque á Aspas e Guidetti uniuse Nolito, que despois de máis de dous meses regresaba ao equipo de gala. No tridente inédito de mediocampistas, un incansable Wass acompañou aos chilenos Díaz e Orellana que dirixiron as operacións de atopar algún furadiño no valado amarelo que dispuxo o adestrador asturiano. Amparados os dous triángulos na defensa clásica, Sergi e Cabral, no centro, e Jonny e Mallo, nas bandas, o Celta asumiu moitos riscos e, durante os primeiros corenta e cinco minutos, non gañou para sustos coas chegadas do congoleño "crocodilo" Bakambu, que tivo nas súas biqueiras un par de oportunidades tremendas que desfixo in extremis Sergio, moi acertado e seguro.

Durante a primeira parte as xenialidades das combinacións na área rival de Aspas, Guidetti e Orellana non abondaron para atopar o camiño do gol, quizais por que faltaron as recuperacións silenciosas e as cabezadas de Tucu Hernández, cuxa ausencia se fixo notar moito máis cando un Marcelo Díaz agotado foi decaendo na súa tarefa de distribuír sobre as bandas e manter un ritmo fluído e harmonioso. Responsabilidade que asumiu, entón, o poeta Orellana, incansable, que dende a media punta intentou con desigual fortuna pases moi longos a unha e outra banda. Nolito quería saltar o valado amarelo dende a dereita utilizando todas as súas artes, caneos e túneles incluídos, pero demostrou que aínda lle falta un chisco de velocidade e, quizais, maior confianza para o golpeo, como quedou patente nun remate frontal que lle quedou moi frouxo.

Foi un partido de duelos individuais constantes, algúns extraordinarios, na procura dos balóns divididos. Nesta loita destacaron polos nosos un Cabral inmenso, un Jonny que semella recuperar a frescura de comezo da primeira volta e un Wass xigante, un xogador cada vez máis maduro, polivalente, capaz de dirixir o xogo combinativo, lanzar faltas e saques de recanto, xutar dende a segunda liña ou xogar de lateral como fai na selección dinamarquesa. Estas loitas individuais son claves na concepción do xogo de Berizzo, xa que son as que permiten crear situacións de superioridade. Xaora, na igualdade desa loita, onde os amarelos estiveron a un altísimo nivel é onde residiu a cerna dun empate que o Celta nunca quixo asumir e que os de Marcelino deron por bo na fase decisiva do partido, recuando e protexendo ao seu porteiro coma mellor puideron.

A pesar de que non marcou, quizais por que onte faltou ese último alustro imprescindible, non prendeu esa faísca luminosa do gol, o Celta fixo un partido notable, que confirma a súa tensión competitiva e as súas posibilidades de manter a súa angueira europea. Quizais por iso valoramos como positivo todo un empatazo.

stylename="070_TXT_dep_dcl_03">bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Buscador de deportes

Enlaces recomendados: Premios Cine