campo do fragoso

Keylorazo

25.10.2015 | 02:15
Keylor Navas chapa a pelota perante o acoso de Aspas. // Adrián Irago

O Celta perdeu onte co Real Madrid por mor dunha primeira media hora onde foi superado con toda claridade polo equipo de Rafael Benítez. Porén, o resto do tempo de xogo, sobre todo desde que quedou en inferioridade numérica a comezos da segunda parte, os de Eduardo Berizzo mereceron, canto menos, a igualada na táboa de marcas, o que impediu unha memorable actuación do gardarredes Keylor Navas e na que influíu a desafortunada actuación arbitral de Clos Gómez, un dos colexiados preferidos polo equipo madrileño.

De inicio, Benítez gañoulle a Berizzo a batalla no encerado táctico. O Madrid saíu coma un ciclón, intenso, concentrado e potente en todas as súas liñas disposto a monopolizar o xogo. Desde os primeiros lances a anticipación de Casemiro conseguiu que nin Augusto nin Wass puidesen cheirar a pelota, mentres que os seus laterais, sobre todo Danilo, procuraban as costas de Nolito e Jonny. Sen o contacto coa bóla, a valente proposta de Berizzo naufragou, o Celta descompúxose defensivamente e non tardaron en chegar os goles. Cristiano atopou un furado na marcaxe de Jonny que lle permitiu desprazarse en paralelo á portería até atopar a posibilidade de xutar con certa comodidade e bater a Sergio. Un golazo no minuto sete co que o madeirense pechou a súa actuación en Balaídos.

Con todo, grazas á velocidade e mobilidade de Orellana, que de cando en vez pasou á media punta, e á participación de Augusto, o Celta comezou a recuperar a pelota e a chegar á porta de Keylor. Tras un magnífico xutazo do poeta chileno, desviado polo costarricense na súa primeira estricada felina, Marcelo e Jesé viron que Nolito non recuaba na súa marca da banda esquerda, burato que aproveitou Danilo para abrir o seu corredor e anotar o segundo. Xaora, a pesar dunha táboa de marcas tan adversa, o Celta non se entregou. Nolito encoraxado, unha vez que conseguiu liberarse do pesadelo de Lucas Vázquez, probou de novo a Keylor, que volveu parar o imposible. O que despois repitiría o iluminado porteiro centroamericano até en cinco ocasións, nun saque directo de Wass, nun remate de Jonny, noutro de Iago e nun pexegazo de Hernández. Imposible superar semellante muro de aire.

Tras a reanudación e, sobre todo despois da polémica expulsión de Cabral, o Celta en inferioridade recuperou o control da bóla, demostrando que é un equipo teimoso con corazón de aceiro e con moitos quilates de talento nas biqueiras dos seus futbolistas. Foi o Madrid o que desta volta colleu medo, atrasando liñas, embarullando as xogadas defensivas, repartindo empurróns e confiando en pechar o resultado ás posibilidades dalgunha carreira de Ronaldo, onte moi discreto, ou de Isco, que substituíu a Lucas Vázquez.

Nese novo contexto, Nolito, motivadísimo, liderou a reacción celeste fabricando na proximidade da área un par de xogadas de moi alta escola. Na primeira o seu xute foi despexado por Marcelo debaixo dos paus. Outro gol malogrado que xa cantaba a bancada! Mais na segunda, faltando apenas seis minutos para o remate, superou a Keylor cun dereitazo que encontrou pola escuadra do primeiro pao. Un golazo tremendo que abriu a posibilidade dunha remontada heroica. Mais o tanto do noso internacional chegou un chisco tarde, como os trocos dun despistado Berizzo no minuto oitenta, cando entraron na lameira Guidetti, Radoja e Planas. A pesar do Keylorazo, da gran actuación do porteiro madridista, onte o Celta puido e mereceu conseguir un punto e continuar invicto. Non obstante, a pesar desta primeira derrota, os celtistas non podemos queixarnos desta extraordinaria primeira cuarte parte da tempada onde gozamos da intensidade e a beleza do xogo do equipo en case todos os partidos.

stylename="070_TXT_dep_dcl_03">bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Buscador de deportes

Enlaces recomendados: Premios Cine