A intensa arrincada da Real Sociedade agoiraba un partido moi difícil para o Celta, ao que nunca lle sentou moi ben o horario do café vespertino. Os galegos tardaron vinte minutos en chegar a pisar a área pequena rival, cando xa os txuri urdin aseñoraban o xogo, coa táboa de marcas por diante, dende o minuto oito, grazas a un pexegazo de Canales dende fóra da área grande, que o noso Yoel papou coma un bendito. Durante ese período os de Jagoba Arrasate imprimiron un ritmo trepidante ao seu xogo, realizaron un aluvión de chegadas combinadas entre os seus catro temibles dianteiros, lanzaron varios saques de recanto con cadansúas perigosas cabezadas de Íñigo Martínez, ocasións nas que semellaba chegaría inevitablemente un segundo tanto fronte a un Celta que estaba fóra do partido.

Porén, a intensa tempestade donostiarra amainou e os de Luis Enrique moi amodiño foron entrando no encontro dirixidos polas batutas de Rafinha e Krohn-Dehli. Nolito avisou no minuto 21 que o Celta xa espertara cun xute moi orientado chapado polo porteiro. Serían despois Rafinha, Augusto e Krohn-Dehli os que finalizaron con escasa fortuna xogadas combinadas cada vez máis longas e perigosas. Cando frisaba a media hora, o capitán Mario Bermejo xutou mal, tras unha fermosa combinación entre Nolito e Krohn. Porén, apenas cinco minutos despois, como sucedera hai quince días co Sevilla, o veterano dianteiro pelexou un penalti con Íñigo Martínez, que o árbitro dubidou uns segundos en sinalar, quizais polo feito de contar o central xa cun cartón amarelo. Nolito volveu marcar, a pesar de que Claudio Bravo se estricou na dirección correcta. Dez grandes minutos celestes que conseguiron a igualada, unha proeza tal como comezara o xogo. Mais como pouco dura a ledicia na casa do probe, cando apenas faltaban dous minutiños para o descanso, un erro no despexe da defensa nosa facilitou que o francés Griezmann volvese adiantar aos donostiarras. Para botarse a chorar ou xurar en arameo, pensaron moitos celtistas.

Non comezou mellor a segunda sesión. Apenas reanudado o xogo, Jon Aurtenetxe foi expulsado por cartón vermello directo, tras marcarlle os seus tacos a Vela na coxa, o dianteiro mexicano que chegara de rapaz ao Celta cedido polo Arsenal. Con dez o Celta reordenou a súa defensa, recolocando alí a Fontás, para tratar de resistir á nova avalancha que se lle veu enriba. Durante uns minutos o partido entrou nesa fase escura e aborrecible, de continuas interrupcións. A Real atacaba con catro efectivos para liquidar o partido. Griezmann tivo na súa biqueira o terceiro en dúas oportunidades claras, tras dura pelexa co noso Jony. Mais coma sucedera na primeira, os txuri urdin non souberon definir cando tiñan toda a superioridade. Entón, Luis Enrique deu entrada a Orellana, Mina e Íñigo López, que lle deron a volta ao partido coma un carpín. Contaxiado polo entusiasmo da afección, o Celta con dez tirou das súas reservas de dignidade e arrepúxose á temible Real. Santi Mina, a pérola da nosa canteira, apenas incorporado á lameira, avisou da súa presenza cun remate ben dirixido. Xaora, cando faltaban oito minutos, o rapaz aproveitou un balón abandonado na frontal, tras unha xogada excelente de Orellana, para xutar de forma tremenda e conseguir un dos goles máis importantes da súa carreira. Dous minutos despois, no caneo de Orellana na área pequena tivo o Celta case o terceiro. Semellaba incrible que un partido no que o Celta comezara con once en clara inferioridade de xogo, rematase con dez en xusta igualdade fronte un rival con aspiracións europeas. O de onte foi un puntazo de dignidade que deixa ao Celta apenas a tres puntiños do seu obxectivo da permanencia.

bretemas@gmail.com