É unha forma de entender Vigo. É un modo de vivir Vigo. É un xeito de asomarse a alma de Vigo. É o corazón celtista da cidade. É o Celta de Vigo.

É unha paixón, un sentimento, unha historia viva que se fai cada día. Cada domingo dirían os nosos pais. Cada partido, dicimos nós nesta voráxine do fútbol continuo.

Cada venres, ou sábado, domingo ou luns, o Celta. Cada martes, cada mércores, en copas, o Celta. E alí no contorno de Balaídos, o noso, o de sempre, xuntámonos todo Vigo. Todos os barrios, as parroquias, zona urbana, de todas as profesións e traballos, homes e mulleres, mozos e non tan mozos...todos somos o Celta. O Celta de Vigo. E os que veñen doutros concellos da zona, de toda a provincia e aínda de toda Galicia e máis aló, somos todos xuntos o Celta.

E foi hai 90 anos, alí naceu. Dunha unión, como tiña que ser. Para que fora de todas e todos. E claro que o é. Noventa anos de sentimento, de paixón de tantas xeracións que foron Celta cada domingo en Balaídos e o resto da semana nas charlas na casa, no traballo ou nos bares. Ou mesmo facendo as aliñacións, que cada celtista é un coñecedor, como o adestrador ou aínda máis.

E aqueles nomes que hai 90 anos fundaron un gran espírito da cidade e de toda Galicia. E desde entón directivos, xogadores, afeccionados, ou viguesas e vigueses non tan afeccionados somos o mesmo Celta. Porque todo Vigo é o Celta e o Celta é unha gran esencia de Vigo. E máis, moito máis que deporte, que o é, e moito, en tantas escolas deportivas. E máis e moito máis que economía, que tamén o é e canto. E máis que unha sensación, que unha paixón. Por iso nas cancións está o Celta, na cultura está o Celta, nas charlas, nas familias, nas rúas e ao Celta apláudeselle na paixón de Balaídos, pero tamén nun concerto cando se comunica que o Celta gañou. Ou cando un non pode estar nalgún acto porque xoga o Celta, enseguida se entende "...se xoga o Celta...".

90 anos xuntándonos. 90 anos de camiño unidos. 90 anos de éxitos, de glorias ou de afán para recuperar. 90 anos de fútbol, de Balaídos, de paixóns, de chagadas por Fragoso, por Manuel de Castro, por Castrelos, pola avenida de Balaídos ou de Citroën, ou de Pablo Iglesias...e os regresos a casa coa alegría de gañar ou co propósito de que o seguinte o gañemos. 90 anos de celtismo, 90 anos de Vigo. Xuntos.